Un guindastre golpea unha muller en Ourense, un coche bate contra unha avoa e a súa neta en Melide e un home é atropelado en Touro

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
A mañá desta quinta feira estivo marcada por até tres accidentes en que estiveron persoas e vehículos involucrados.

Unha muller foi evacuada en estado grave despois de ser alcanzada por un guindastre no centro da cidade de Ourense na mañá desta quinta feira, na que se produciron outros dous atropelos nos municipios de Melide e Touro.

O máis grave tivo lugar ás 08.30 horas na intersección da rúa Coruña coa rúa Saínza da cidade ourensá, segundo trasladou o CIAE 112 Galiza.

A vítima foi alcanzada por un coche guindastre que transportaba un vehículo. Sofre feridas de gravidade polas que tivo que ser evacuada de urxencia en ambulancia ata un centro hospitalario.

Buscan un condutor

Por outra parte, tamén na mañá desta quinta feira, un condutor que proseguiu a marcha alcanzou co seu vehículo unha avoa e a súa neta na rúa da Martagona na confluencia coa rúa Cuba do municipio de Melide.

Segundo o 112, as dúas vítimas foron trasladadas a un centro de saúde para someterse a un recoñecemento. A nena atópase en bo estado e a muller ten lesións nun xeonllo.

Paralelamente, as forzas da orde tratan de dar co paradoiro do condutor, que non se detivo para atender ás vítimas.

Atropelo en Touro

O terceiro dos atropelos rexistrados na mañá desta quinta feira produciuse ao redor das 07.30 horas no concello de Touro, onde un home sufriu un golpe nun brazo ao ser alcanzado por un vehículo na estrada AC-960.

Tras recibir o aviso, unha dotación de Urxencia Sanitarias 061 mobilizouse ata o lugar para atender ao ferido, que foi trasladado ao Hospital da Rosaleda, en Santiago.