Fernando Nebot, enxeñeiro e consultor de Mobilidade

"As medidas da guía de mobilidade da Deputación de Pontevedra van mellorar a vida cidadá para todas"

Fernando Nebot

A Guía de espazos públicos e mobilidade amable da Deputación contén unha serie de experiencias técnicas sobre mobilidade contrastadas e aplicadas con resultados satisfactorios e que se transmiten para o seu coñecemento colectivo. O seu autor, Fernando Nebot, asegura que o manual dispón de “aportacións para que os concellos poidan tomar as súas decisións baseándose en algo consolidado e solvente” e, ao mesmo tempo, é “unha orientación para que os técnicos e técnicas poidan enfocar os seus proxectos cunhas pautas de actuación que están suficientemente estendidas con resultados probados”.

Poderíase aplicar esta guía a calquera poboación?

 

Así é. Pódese aplicar a distintos municipios con distintas características, con máis urbanización ou menos urbanización, con máis ou menos territorio rural, con máis ou menos poboación. En calquera caso, estará en mans dos proxectistas a adecuación das pautas da guía á realidade coa que traballan, pero eles poderán saber, cando as incorporan, que detrás de cada proposta hai unha serie de experiencias que teñen demostrado que ese é un bo camiño a seguir nos proxectos. Polo tanto, penso que a guía pode ser un elemento útil para que a Deputación de Pontevedra se apoie nela para desenvolver proxectos ou para que a recomende a outros para actuar. Ademais, dalgún xeito, esta guía, aínda que foi centralizada por min, é unha guía da Deputación: participou o persoal técnico da Deputación e incluso técnicos do Concello de Pontevedra e, dalgunha forma, eu tiven a oportunidade de traballar con eles e de aprender moito. É unha guía moi asumida dende dentro da casa.

 

En que beneficiará a veciñanza que se adopten as indicacións desta guía na súa vila ou cidade?

 

Estamos a falar de priorizar as persoas, os colectivos vulnerables, e de algo que engloba todo iso: de volver recuperar un espazo público para todos, especialmente a rúa, esa travesía que deixou de ser tal porque a estrada expulsou a xente ao interior das súas vivendas. Que a cidadanía poida volver gozalo sen que iso supoña a exclusión de ninguén. En ningún momento se formula a exclusión do automóbil, nin na cidade nin nas travesías, pero si acompasar a velocidade deste medio de transporte, que é o máis pesado e o máis veloz, de forma que o espazo público poida ser un espazo de coexistencia e desfrute. Que esas travesías, esas rúas, esas as súas lindes poidan ser utilizadas con seguridade polas persoas que o fan camiñando.

 

Hai moitas estradas que, co seu tráfico e a súa tipoloxía, romperon as vilas…

 

Efectivamente. Moitas persoas, e os de máis idade lembrarano perfectamente, saben que iso que hoxe en día son estradas nas que os coches e camións expulsaron aos peóns eran as rúas que vertebraban casas enfrontadas unhas a outras. O paso de moitos vehículos e a velocidades elevadas fai que moitas relacións de veciñanzaincluso cheguen a romperse. O obxectivo é non expulsar a ninguén, senón reconverter a situación para que a poidan desfrutar todos, que esas rúas sexan lugares máis pracenteiros para todos sen que iso penalice necesariamente a circulación motorizada.

 

Que papel ocupan nesta guía os redutores de velocidade?

 

Este é un tema recorrente. Permanentemente son cualificados por uns como un desastre de decisión e por outros como unha decisión tremendamente acertada. Persoalmente penso que son necesarios pero, tal como se está a expoñer, non debe existir ningunha actuación mediante redutores que sexa illada. Non debe existir ningunha actuación de tráfico e transporte motorizado que sexa unha suma de pequenas actuacións desligadas. Hai que ter unha idea global de como se vai recuperar esa rúa, de como se vai mellorar a circulación no conxunto do núcleo de poboación. Nese sentido haberá zonas nas que sexa necesario incorporar redutores de velocidade, pero ao mesmo tempo deberán alargarse as beirarrúas, reducir a velocidade, diminuír o volume de tránsito motorizado, reducir o tráfico de paso,… polo que non se notará que a presenza do lombo é o único que se fai. O lombo é un elemento máis que será asumido, como en Pontevedra capital se asume, que ninguén o atopa raro. O raro sería poñer un lombo no medio dunha vía cun sinxelo aviso de ‘ollo, badén’. Trátase de que se teña sempre a idea de cara a onde se quere ir e, de acordo cos orzamentos municipais, ir facendo medidas progresivamente conforme se dispoña de cartos.

 

Por outra banda, son moitos os estudos que mostran que a implantación exclusiva de medidas apoiadas na sinalización para acomodar a velocidade dos vehículos motorizados para que sexa segura a estancia de todos os usuarios nas rúas e no viario non é nada eficaz. De feito, resultan imprescindibles as actuacións que consistan na implantación de medidas físicas de modificación do viario. Basear a política de redución da velocidade en establecer medidas de limitación da velocidade mediante unicamente sinalización, é dicir, sen aplicar unha política articulada de acougado do tránsito e sen medidas físicas, non se traduce nunha diminución significativa da velocidade dos automóbiles. As actuacións de sinalización deben ser complementarias ás de calmado do tránsito motorizado e de ningún xeito o elemento no que se fai descansar a garantía de circulación a velocidade moderada. Os estudos e controis efectuados para comprobar o grao de responsabilidade da persoa condutora, e se esta reduce a velocidade polo simple feito de estar próximo a unha vía con colexios ou parques cando só están implantadas medidas apoiadas na sinalización, demostraron a súa clara ineficacia.

 

A instalación dos ‘lombos’ está xa estendida, aínda que hai quen sigue a criticar as súas características... Deberían suavizarse estes redutores?

 

Na guía hai unhas táboas con valores recomendados para os ‘lombos’, tanto para os pasos de peóns sobreelevados (PPS) como para os redutores físicos de velocidade (RFV) e que poden ser triangulares ou circulares. Aínda que o que se correspondería realmente co que se coñece como ‘lombos’ son os badéns ou resaltos do firme, que son actuacións de xeito evidente desaconsellables e que non se atopan nas estradas provinciais nin no viario do Concello de Pontevedra. Aí hai unha serie de pendentes contrastadas pola experiencia da provincia de Pontevedra, da cidade de Pontevedra, e doutras provincias do Estado. Podemos dicir que as pendentes dos PPS e RFV que se contemplan na guía son moito máis suaves que as que formula o Ministerio de Fomento nas súas instrucións. Por que? Porque o que se persegue é implantar estes ‘lombos’ como un elemento máis dunha política de calmado de tráfico, dunha política de crear unha mobilidade amable. Evidentemente o Ministerio de Fomento, cando desenvolve a súa guía, formúlaos como elementos de redución do tráfico só nas súas estradas, non nos núcleos urbanos e, polo tanto, son de moita máis pendente. Os que aquí se formulan son moito máis suaves. Evidentemente, como se consegue unha redución de velocidade? Pois ou cunha pendente moi alta, o que non é recomendable, ou con pendentes máis suaves e con máis pasos de peóns sobreelevados, de forma que o vehículo non poida incrementar a velocidade entre un paso e outro. Creo que estas son medidas aplicables e que van mellorar a vida cidadá para todas e todos.

 

[Este contido foi publicado no A FONDO especial da Deputación de Pontevedra sobre mobilidade, acompañando o Sermos Galiza número 321]