A guerra fría ao redor da primeira universidade privada

[Imaxe: Afundación]
O choque Vigo‑A Coruña que acompañou a Lei de Ordenación do Sistema Universitario Galego de 1989 reedítase 30 anos despois, só que nun escenario moito máis complexo e poliédrico onde os protagonistas xa non son uns alcaldes con pulsións localistas como Soto e Vázquez. O dono de Abanca e varios dos empresarios máis importantes do norte da Galiza compiten por un suculento negocio nun xogo de poder no que Feixoo xa escolleu bando. Outros importantes dirixentes populares dividíronse en dúas faccións con intereses contrapostos. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.

O panorama universitario galego está moi perto de mudar para sempre, pero non exactamente na maneira en que os grandes medios de comunicación que se limitan a reproducir a versión oficial de Abanca repiten unha e outra vez. Detrás da propaganda sobre a “primeira universidade privada da Galiza” agóchase un conflito entre empresarios ao máis alto nivel e a recuperación do clásico choque Vigo‑A Coruña pola supremacía política e económica no país.

Cando a Xunta recibiu a solicitude por parte de Afundación para o recoñecemento da nova Universidad Internacional de la Empresa –UIE–, Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, premeu a espoleta para o inicio das hostilidades entre o seu proxecto e o que paralelamente desenvolve Venancio Salcines co Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia –Cesuga–.

Esta contenda non dará lugar a ningún enfrontamento directo entre ambos os dous bandos, mais deixará varios caídos e obrigará todas as partes involucradas a se posicionaren, algo que xa está a suceder. Escotet, sabedor de que quen golpea primeiro golpea dúas veces, gañou o apoio pouco disimulado da administración galega, como veñen confirmando coas súas declaracións a conselleira de Educación e o secretario xeral de Universidades.

Ademais da súa proximidade con Feixoo, conta con outras bazas ao seu favor, como o músculo financeiro de Abanca ou a idea de repartir café para todos, situando o reitorado da nova universidade en Compostela e contando con campus na Coruña, Pontevedra e Vigo, estando nesta a sede principal. Precisamente este último punto foi unha das claves para que dentro do PP se rompese a imaxe monolítica que sempre intenta transmitir e se conformasen dúas faccións, segundo confirman fontes internas. Por un lado está a do sur da Galiza, próxima ao plan de Escotet, e por outro, a do norte, que non ve a xogada do presidente de Abanca como propia, ao contrario do que sucede coa promovida por Cesuga e Salcines.

O Cesuga ten case 25 anos de existencia e na actualidade opera como centro adscrito á Universidad San Jorge de Zaragoza –unha das peores do Estado segundo un estudo da Fundación BBVA–, o que lle permite expedir títulos oficiais de grao en Administración e Dirección de Empresas –ADE–, Arquitectura, Tradución e Comunicación, Publicidade e Relacións Públicas. Este é o xermolo sobre o que Venancio Salcines, antigo profesor da UDC e presidente da Escola de Finanzas Business School de Oleiros –competencia directa do actual Ieside Business Institute de Abanca–, pretende construír a medio prazo unha “universidade privada de referencia” na Coruña, con personalidade xurídica propia e sen depender dun terceiro actor. Para logralo o Cesuga realizou en xullo unha ampliación de capital, dando entrada no seu accionariado varios dos empresarios máis importantes da zona, encabezados por Ignacio Rivera, de Hijos de Rivera; o ex presidente do Deportivo Tino Fernández, de Altia; Francisco Cernadas, da construtora Incoga; ou Manuel Pose, de Alumán.

A maiores, fontes próximas a este proxecto confirman que se agarda que Concello e Deputación da Coruña –encabezadas polo PSOE– “non poñan moitos obstáculos” ás ambicións de Salcines, un home conservador pero con boa relación cos socialistas, como demostra o feito de ter sido concelleiro de Facenda para o histórico Antonio Varela Saavedra en Cambre unha década atrás.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]