Guerra biolóxica ao plumacho

Espazo invadido por plumacho ( Life + Stop Cortaderia)

Un grupo investigador da Universidade da Coruña estuda a potencialidade dunha nova especie de mosca parásita, a Spanollepsis selloanae, no control biolóxico do plumacho, unha planta exótica invasora que na Galiza esténdese, sobre todo, ao longo da franxa atlántica.
 

Como unha arañeira, que estende os seus fíos a través das autoestradas e demais canles de comunicación e que ten nos polígonos industriais e nas áreas periurbanas os seus nodos principais, a Cortaderia selloana, a planta invasora coñecida como Herba da Pampa ou plumacho, expándese na Galiza. 

Mais parece que a esta especie exótica acaba de saírlle un inimigo biolóxico, que podería ser empregado como mecanismo de control para frear o seu avance invasivo. É o caso da Spanollepsis selloanae, unha nova especie de mosca descuberta por un grupo de investigación da Universidade da Coruña (UDC) que parasita o plumacho. 

É a hipótese na que traballa Jaime Fagúndez Díaz, profesor de Botánica da UDC e membro do grupo investigador de especies exóticas invasoras que traballa na actualidade no futuro plan de acción galego contra a planta, quen cualifica o achádego como «un xénero novo para a ciencia» e, potencialmente, un axente de control biolóxico válido «con moitas vantaxes».

Estratexias de control biolóxico

O experto participou esta semana na xuntanza do grupo de traballo de loita contra o plumacho no arco atlántico celebrada no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza, o Ceida (Oleiros), dentro do proxecto Life + Stop Cortaderia, para dar conta, ante unha trintena de entidades, dos resultados dos seus estudos e dalgunhas propostas de xestión desta especie invasora no territorio galego. Entre elas, as estratexias de control biolóxico, que no caso da mosca Spanollepsis selloanae poderían servir como mecanismo de mitigación, «se ben non como medida de erradicación definitiva». 

Este díptero, segundo expón o investigador, ten un ciclo no que nos exemplares adultos deposita as postas sobre as inflorescencias do plumacho, de maneira que as larvas, ao maduraren, predan sobre o ovario, eliminando a produción de sementes. As primeiras medicións, sinalou, dan unha redución de 75% das sementes viábeis. Agora, a Universidade, que xa ten publicado este descubrimento e realizado a caracterización xenética e a comprobación de que se trata dun xénero novo, traballa no estudo do impacto desta especie en distintas poboacións «para ver como se comporta e ver como domesticala», e na avaliación de riscos, «para comprobar que non parasite noutras plantas nativas».

A Herba da Pampa expándese nos polígonos

O grupo investigador ao que pertence Fagúndez Díaz publicou este ano un estudo sobre o impacto do plumacho nos polígonos industriais galegos, un paso previo da cartografía galega actualizada na que traballa e que fará parte do plan de acción contra o plumacho, previsto para o ano que vén.

«O que detectamos foi un patrón de distribución na Galiza en rede. Hai focos que son reservorios da especie e canles de comunicación, que son os corredores», explica a Sermos Galiza o docente, despois de sinalar que a investigación centrouse nos polígonos «por ser áreas moi propicias para a presenza desta especie», que ten especial facilidade para asentarse en solos nús, onde a man do home alterou o ecosistema e sen un plan de restauración ambiental. De feito, o estudo constata que o ritmo mínimo de expansión da especie na Galiza é de dous polígonos industriais por ano

«Hai unha tendencia moi clara e estábel do aumento de presenza nos polígonos», corrobora o investigador,  antes de expor os factores de aparición da invasora: «O principal é a presenza da especie na contorna, por exemplo noutros polígonos, mais existen outros, como a proximidade á costa e das autovías, a maior densidade de poboación, a menor altitude ou a maior temperatura media».Estas coordenadas plásmanse no mapa cunha maior presenza de plumacho en toda a franxa atlántica, desde a costa ferrolana até Tui.

Factores da propagación da planta invasora

Segundo explica, existen unha serie de factores climáticos, xeográficos e socioeconómicos que se poden empregar para predicir as zonas máis susceptíbeis de seren invadidas no futuro, «e isto é moi relevante de cara ao plan de acción, porque podemos seleccionar, filtrar e deseñar un plan de vixilancia acorde a ese valor de potencialidade invasiva».

Como adianto, a palestra celebrada onte deu algunhas claves para a xestión desta planta, que aínda hoxe se sigue empregando tanto en xardinaría como na estabilización de taludes: a promoción dunha rede de vixilancia ou dunha estratexia adaptada aos diferentes escenarios, «porque non é o mesmo un hábitat natural que un antropizado –transformado por acción humana–, nin unha área con presenza puntual que unha invadida», así como unha cartografía e a sectorización do territorio. O experto avoga tamén pola participación e a acción colaborativa, e a implicación da administracións e empresas, desde Audasa a Adif, promotoras dos polígonos ou Demarcación de Estradas, para a promoción de boas prácticas.