O Grupo Común da Esquerda defende a erradicación dos concertos machistas

Paula Quinteiro e Luca Chao, esta quinta feira no Parlamento. (GCE)
“O PP ten dúas opcións: ou pacta coa extrema dereita ou pacta coas mulleres”, di Paula Quinteiro na presentación das iniciativas do Grupo En Común da Esquerda cara o 25-N.

O Grupo Común da Esquerda sinalou esta quinta feira que o Partido Popular “ten dúas opcións: ou pacta coa extrema dereita ou pacta coas mulleres. As dúas cousas son incompatibles.” Así o manifestou a deputada Paula Quinteiro, quen advertiu que “estamos nun momento onde é máis importante que nunca colocar o feminismo e os dereitos das mulleres no centro porque o discurso reaccionario e machista de Vox está cada vez máis estendido”.

Nunha rolda de prensa para presentar as iniciativas do grupo con motivo do 25-N, a voceira Luca Chao tamén reclamou que o presidente da Xunta pida desculpas polas súas declaracións machistas no último pleno, erguéndose como único representante lexitimado das mulleres galegas. “Levamos esperando 24 horas as desculpas de Feixoo e xa chegan tarde”, esixiu Chao.

Luca Chao expuxo as iniciativas do grupo relativas á igualdade e á loita contra as violencias machistas, centradas no ensino igualitario, xa que “a escola é un piar fundamental”. O Grupo Común da Esquerda defenderá nas vindeiras semanas o desenvolvemento dun plan de patios co-educativos ou a “erradicación dos concertos machistas que segregan ao alumando. Ou se está coa igualdade ou cos centros machistas”. Ademais, presentarase unha proposta encamiñada a loitar contras as violencias machistas vinculadas coa menstruación. Esta iniciativa inclúe promover charlas educativas nos centros e dotar de xeito gratuíto a todas as nenas que cursen estudos na ESO dunha copa menstrual.