Grobas, auxiliar de enfermaría: “Tardaron 5 días en facerme o test”

Ángeles Grobas (Imaxe: Europa Press)

Ángeles Grobas é auxiliar de enfermaría na Unidade Respiratoria e Cirurxía Torácica do Hospital Clínico de Santiago. Catro mañás, dúas tardes e unha noite despois de pasar pola planta na que hai enfermos con Gripe A, Gripe B e outras doenzas desta magnitude, esta sanitaria empezou a atoparse mal, pero non tiña os síntomas que se consideran frecuentes de coronavirus.

“Cinco días" despois de estar "tirada" na cama da súa casa, Ángeles Groba conseguiu que lle fixesen a proba á beira do hospital do Hospital Xil Casares, de forma ambulatoria. O único día que foi traballar co que nese momento era unha sinusite foi a noite da quinta feira 12 e a sexta 13 pola mañá empezou a atoparse peor. Logo acudiu ao PAC e tratou de pórse en contacto, sen éxito, coa liña 900. Ao final recorreu ao 061 para explicar a súa situación e recomendáronlle que quedase na súa casa.

Dous días despois de que lle fixesen a proba (na cuarta 18 fixéronlle o test), acabou ingresada no mesmo hospital onde traballa, xa que as súas constantes vitais, que as autocontrolaba desde a casa, non estaban niveladas e perdera capacidade de respiración (a saturación baixáralle e custáballe respirar).

"A miña primeira preocupación eran os meus compañeiros, desde o primeiro momento e cando estiven ingresada. E tamén era saber onde me contaxiei eu", sinala a auxiliar de enfermaría, quen recoñeceu que foi "moi duro" ter que superar esta situación no cuarto do hospital onde desenvolve a súa profesión.

Medo á volta polos “recortes”

Tamén recoñeceu que ten "medo" de volver ao traballo: "sinceramente, si, porque tivemos recortes tanto en persoal como en material, porque até agora estivemos traballando con máscaras de quirófano (non as que teñen o filtro). E somos o persoal sanitario que está máis pegado ao enfermo".

Agora saíu do hospital. Concretamente, a pasada cuarta feira, día 25, puido chegar á súa casa, onde convive coa súa filla de 21 anos, para quen conseguiu que lle fixesen a proba, que deu negativo. A súa maior preocupación durante todo o tempo que non lle fixeron o test eran os seus compañeiros e os pacientes, asegurou, posto que ela sospeitaba que había un "foco" de infección na planta e non se adoptou ningunha medida.

Ángeles Grobas estivera de vacacións preparando as oposicións da súa especialidade, ás que se presentou xunto a máis de 8.000 asistentes nun exame multitudinario en Silleda que tivo lugar o 29 de febreiro deste ano. Nesa data non se coñecía aínda ningún caso positivo por coronavirus na Galiza. O primeiro foi confirmado o 4 de marzo e correspóndese cun mozo procedente de Madrid, pero nesas oposicións tamén "veu xente de todas partes de España", lembra Grobas.

Síntomas e alta

Esta auxiliar de enfermaría relata que a ela se lle "inflamaron os ganglios" e que os primeiros síntomas que tivo foron sinusite e unha "gran dor de cabeza". Chamou tres días seguidos á liña 900 habilitada para o coronavirus, pero "ninguén collía". "Foi toda unha odisea", contou. Tamén perdeu "olfacto" e o sentido do "gusto", entre outros síntomas. Con todo, non superou os 37,5 graos de temperatura e apenas tivo tose, pero "si moita dor muscular, coma se me pasase por riba un camión" e dores coñecidas como "piquete", punzantes, en cadeira e xeonllos.

Após seis días ingresada (desde o 20 ao 25), a radiografía saíu ben. "Estou moi contenta, hai xente que está peor que eu", manifestou, pero advertiu: "isto non é unha gripe, isto é moi serio; vai repercutir economicamente na sociedade, si, moitísimo. Pero o primeiro é a saúde, se non tes saúde, non vas traballar".

Grobas considera que hai que "pechar as fábricas", manter só os servizos esenciais abertos, incluídos os estancos (polas patoloxías asociadas que poida ter parte da poboación fumadora), e saír á rúa "só comprar alimentos e farmacia e volver para a casa".