Grindr, Tinder e Brenda, ligar 'en rede'

[Imaxe Telecinco]

A aparición dos smartphones deu lugar a novos modelos de relacións interpersoais baseadas en comunidades virtuais nas que cada vez máis persoas procuran coñecer xente e partillar experiencias sexuais.

 

A imprensa anglosaxona defíne as persoas usuarias destas aplicacións móbeis como lazy singles apelando a dous trazos que partillarían todas elas, gozaren da solteiría e non ter moita gana --nen tempo-- para se dedicaren ás relacións afectivo-sexuais. Ora ben, non queren prescindir delas. 

O suceso acadado a nivel internacional polas aplicacións para smartphones Grindr, Tinder e Brenda reflicte unha nova forma de ligar baseada nas comunidades 'en rede'. 

Na Galiza tampouco quedamos atrás. Estas ferramentas gratuítas contan cunha boa acollida no noso país e con centos de utentes que as tornan habituais --case xeralizadas-- entre as faixas de idade máis novas (entre os 18 e 28 anos) e practicamente unhas descoñecidas para alén dos 40. 

As persoas usuarias salientan a "comodidade" que ofrecen estas aplicacións para coñecer xente nova "desde o sofá" da casa

A maior parte das persoas que se descargaron algunhas destas aplicacións recoñece que tivo contacto con elas através doutras persoas e subliñan a "comodidade" que ofrece poder coñecer persoas novas "desde o sofá" da casa. Afastadas dos protocolos tradicionais que obrigarían a calquera a saír e procurar actividades de lecer nas que descubrir novas experiencias. Agora non, un simple dispositivo móbil, tarifa de datos e unha fotografía son suficientes para partillar conversa ou concertar un encontro sexual. 

Conversa e sexo a un click

Lidia (nome falso) foi usuaria de Brenda, unha aplicación para mulleres lésbicas, até hai ben pouco. "Coñecina porque alguén me falou dela", sinala. Mora na capital galega e na cidade "non hai ningún bar de ambiente lésbico" polo que decidiu probar. 

O funcionamento é sinxelo. Crear un perfil de usuario exixe unicamente dunha fotografía, un nome, idade, peso, altura e unha breve descrición de dúas liñas. Através dun xeolocalizador a App selecciona as utentes por rango de proximidade mais ofrece a posibilidade de mudar o filtro cara á outras opcións como a idade. A partir de aí comeza o proceso para descartar ou seleccionar persoas coas que iniciar unha conversa. 

A imprensa anglosaxona define o perfil d@s utentes como 'lazy singles', isto é 'solteir@s preguiceir@s'

"Véxoa como algo esporádico para coñecer xente nova. Comecei a usala cando marchei vivir fóra de Galiza un tempo", explica. A súa experiencia foi "boa" pois, apunta, "non tería coñecido algunhas persoas se non fora através do Brenda. 

Lidia describe estas ferramentas como unha solución práctica e compáraas coa "comida a domicilio", un símil que partilla Rebeca (nome falso) usuaria de Tinder. Esta aplicación abrangue maioritariamente un público heterosexual. O mecanismo é semellante ao Brenda porén, accédese através de Facebook e para estabelecer contacto é preciso que ambas as dúas persoas marquen a opción "gustar" premendo un corazón. 

Ao igual que Lidia, Rebeca coñeceu a App através "dunha amiga". Mozas "solteiras" que "vivimos fóra da casa" e partillan "un estilo de vida axetreado". Rebeca asegura que "non me apetecía ir a un bar a ligar" e ter que asumir o "cortexo normal e habitual" do que di "estou cansa". De maneira "cómoda" e coas vantaxes que outorga certo "anonimato" sinala que o Tinder é "como a vida mesma" polo que as relacións interpersoais reproducen "os mesmos estereotipos e modelos". 

"Hai quen busca un encontro sexual directamente e outras persoas que queren falar", di. O perfil é distinto ao de Brenda. Mentres na primeira o habitual son mulleres maioritariamente "entre os 20 e os 25 anos" dentro dun rango que vai desde os 18 aos 29; en Tinder o máis probábel é atopar persoas entre "os 20-22 e de 27 a 35". 

"Hai quen busca un encontro sexual directamente e outras persoas que queren falar"

Neste senso o máis amplo é Grindr cun perfil que vai desde os 18 (idade mínima legalmente permitida) e os 40 anos. Tamén é o máis extendido por ser en boa medida das primeiras aplicacións en lanzarse. Trátase dunha ferramenta dirixida ao colectivo gai e Xabier (nome falso) é un dos seus usuarios. Coñeceuna despois de saber que unha ex-parella a usaba. A partir de aí decidiu continuar "porque é unha forma fácil de coñecer xente". 

No entanto, Grindr difire substancialmente das outras App en que o obxectivo maioritario dos usuarios é procurar encontros sexuais. "A xente é moi directa", di, "hai moito sexo aínda que a xente tamén queda para tomar algo". Para alén da fotografía de perfil e a idade, Grindr especifica o "rol" do utente: "activo, pasivo ou versátil". Porén, o procedemento é moi semellante aos dous anteriores. 

Comportamento social

Tanto Xabier e Rebeca, igual que Lidia, concordan en sinalar que foron estas aplicacións as que mudaron o comportamento social e que o seu éxito radica en que "non hai que esforzarse" á hora de ligar. Cando menos, non de maneira directa senón através de ferramentas de mensaxería instantánea nas que "vender a túa imaxe", sinala Lidia. 

"Están cambiando a nosa conduta" pois "non hai un contexto real" senón que "é imposto"

"É o último trazo da globalización", salienta Rebeca. "Están cambiando a nosa conduta" pois "non hai un contexto real" senón que "é imposto". "Non temos tempo pero tampouco queremos mudar o noso estilo de vida" de maneira que ven nas App "unha facilidade" para coñecer xente e manter novas relacións interpersoais.

Asemade, salienta Xabier, "vivimos nun mundo moi sexualizado" no que estas ferramentas permiten manter relacións sexuais sen o esforzo de ligar. "É moi directo". 

"Temos unha aplicación para todo", acrecenta Rebeca, "unha para ver o tempo, outra para coñecer as últimas noticias e agora unha tamén para ligar". Son, explica, "como compartimentos dun mesmo armario" nun momento en que a rede e, nomeadamente, os dispositivos móbiles están a gañar cada vez máis espazo nas nosas vidas.