Vlogue de Xosé Mexuto

"Unha greve xeral galega exitosa sería un duro golpe para Raxoi e Feixóo"

"Hai un feixe de motivos para aderir a greve xeral convocada pola CIG para o 19X", afirma no seu vlogue o director do Sermos dixital, Xosé Mexuto.

Por que ir a unha greve xeral? Porque, argumenta Mexuto, "continúan en curso as políticas neoliberais e centralistas dos gobernos de Madrid e de Santiago que teñen resultado nunha depauperación das condicións de vida da clase traballadora e na centralización nese buraco negro de Madrid da maior parte do excedente económico que se xera no estado".

 

A greve xeral sempre é "un instrumento de loita das e dos traballadores", mais é tamén "unha forma de exercer poder". "De exercer poderíamos dicer poder popular", afirma o director deste dixital. "Porque no fondo", reflicte, "a cuestión clave nas sociedades é quen exerce o poder e neste momento está claro que quen non o exerce son as maiorías sociais". E logo quen o detenda? "Poderíamos dicer que o exerce a oligarquía, si, porque a oligarquía non só existe na Rusia de Putin", ironiza Mexuto.

 

Esa oligarquía -que controla os poderes estatais, mais tamén os mediáticos- vaise conxurar para que a greve xeral sexa un fracaso. "Así que nos cómpre aos que somos a maioría social traballarmos na dirección oposta, traballarmos para a folga ser un suceso". "Unha greve xeral exitosa sería un duro golpe para a oligarquía, sería un duro golpe para Raxoi e para Feixóo", conclúe Xosé Mexuto.