Greve xeral das mulleres do 8M: o que cómpre saber

Imaxe: GZ Contrainfo

Greve laboral, de coidados, de consumo e estudantil. O movemento feminista chama a paralo todo o 8 de marzo para denunciar e evidenciar a desigualdade e violencia contra as mulleres en todos os campos. 

Cales son os obxectivos?

 

Evidenciar que, sen mulleres, o país para e denunciar a violencia machista e o sistema patriarcal, presente en todos os ámbitos da vida. Poñer de relevo a explotación que sofre a muller pola súa condición de tal ao tempo que se dá un paso para xerar unha alternativa feminista. A greve vai ter catro vertentes: laboral, de coidados, de consumo e estudantil.

 

Cal é a orixe da convocatoria?

 

A iniciativa vénse fraguando desde comezos de 2017 e está relacionada co paro mundial das mulleres impulsado desde Arxentina e secundado en máis de 70 estados o pasado 8 de Marzo baixo a consigna: “Querémonos vivas!”. A greve tamén está inspirada nunha iniciativa que houbo en Islandia en 1975 e que parou ese país ao ser secundada por 90% das mulleres. A convocatoria deste 8M é en 177 países.

 

É legal?

 

É, a greve foi rexistada polos sindicatos perante os organismos correspondentes (Traballo) e cumpre con todos os requisitos legais. "Todas as mulleres que secunden a Folga Xeral Feminista de 24 horas terán cobertura legal para exercer este dereito xa que conta con cobertura legal", indican desde o movemento. 

 

Cal é a duración?

 

Non é unha convocatoria unitaria. Na Galiza CIG, UXT e CC OO convocan paros de dúas horas por quenda (de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00 horas e de 19:30 a 21:30 horas), mentres que CUT, SLG e SF Intersindical convocan greve feminista de 24 horas. A nivel estatal CGT, CNT e Confederación intersindical chaman a un paro de 24 horas. Numerosas plataformas e colectivos feministas están na orixe e desenvolvemento do movemento que trae até aquí.

 

Como se sumar á greve?

 

Secundando a greve e os paros laborais e estudantís.

Secundando as diferentes mobilizacións e concentracións convocadas por todo o país.

Deixando de coidar sen delegar noutras mulleres.

Deixando de mercar e consumir nesta xornada, nomeadamente naquelas grandes empresas símbolo de explotación ás traballadoras.

Pendurando mandís e outros elementos de balcóns para simbolizar a greve.

 

Os homes, poden sumarse?

 

Legalmente si. A convocatoria de greve cobre homes e mulleres, en todo caso, apontan desde o movemento feminista, aqueles homes que secunden a greve laboral deberían facelo para cubrir os servizos mínimos de coidados e para axudar nas tarefas de loxística e apoio no desenvolvemento da xornada. “Isto axudará a facer máis visible realmente a greve de mulleres nos eixos da greve feminista: laboral, de coidados, consumo e estudantil. Se realmente es solidario… acompaña sen protagonismos”.

 

Que partidos apoian a convocatoria?

 

Na Galiza, apoian a xornada En Marea, PSdeG e BNG. Ciudadanos e PP posiciónanse claramente á contra. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, chegou a afirmar que “a greve de mulleres é o máis machista que se pode facer”

 

Cita o domingo, 4 de marzo

 

A manifestación unitaria do feminismo galego decorrerá este domingo en Vigo, con saída ás 12:00 horas de Vía Norte esquina con Urzáiz e rematar na Praza do Berbés. Por primeiro vez descentralízase fóra de Compostela, iniciando una nova etapa na que se pretende que as mobilizacións unitarias vaian rotando por diferentes lugares, chegando así a máis xente. Ao remate da manifestación haberá un xantar, recital de poesía e concertos.