Greve nos museos científicos da Coruña

O 17 e 18 de maio, Día internacional dos museos. O persoal pide solucións para garantir a continuidade dos 31 postos de traballo e “evitar o feche” da Casa dos Peixes, á Casa do Home e á Casa das Ciencias.

O persoal dos museos científicos coruñeses decidiu en asemblea convocar dúas xornadas de greve e dúas de paros parciais. Unha decisión adoptada após que a concesionaria, Samyl, comunicase por segunda vez en menos de dous meses a intención de aplicar un ERE temporal ao persoal adscrito á Casa dos Peixes, á Casa do Home e á Casa das Ciencias. A representación social critica que dende o Concello “non se teña adoptado ningunha solución para garantir a continuidade destes 31 postos de traballo e evitar o peche destes tres museos municipais”.

Samyl retirou en abril un ERE após acadar un acordo co Concello para prorrogar por terceira vez a contrata e dar servizo mentres non ten lugar a adxudicación a unha nova empresa. Porén, indica a CIG, o proceso negociado que o goberno municipal ten pode ficar deserto, ao igual que en ocasións anteriores, ao non presentarse ningunha empresa por considerar insuficiente a dotación económica destinada ao concurso.

"Hai 31 profesionais que levan moitos anos prestando servizo nos museos científicos da Coruña, aturando os abusos e os incumprimentos de Samyl, con ducias de sentenzas que nos dan a razón nas nosas demandas e, agora, esta mesma empresa quere mandarnos ao paro e grazas á incompetencia do Concello vaino conseguir", denuncia a delegada do persoal.

As xornadas de greve terán lugar os días 17 e 18 de maio (Día internacional dos Museos) que irán precedidas de dúas xornadas de paro parcial os días 13 e 14 de maio. Ademais, para o día 18 está convocada concentración diante do Concello da Coruña de 11:30 a 12:30 horas e unha manifestación ás 20:00 horas, que sairá da Praza de Vigo e rematará na Praza de María Pita.