En greve de fame polo dereito a vivenda

[Imaxe Os Ninguéns]

Tres familias de Vigo inician esta segunda feira este protesto diante da Casa do concello a piques de seren despexadas.

Levan días a recoller sinaturas diante do Concello de Vigo perante a inminencia de seren xulgadas e despexadas das súas vivendas. Trátase de tres familias residentes na cidade olívica que comezarán esta segunda feira (2 de maio) unha greve de fame perante a falta de axudas e solucións, denuncian, por parte do goberno local. 

Dúas familias serán desafiuzadas após avalaren os seus fillos con dificultades económicas a outra é un matrimonio cunha crianza menor de idade que xa non ten vivenda

No concreto son dúas familias que están en risco de perder a súa vivenda após avalaren a dos seus fillos xunto cun matrimonio cunha crianza menor de idade que xa foi despexada e que "precisa onde vivir" explicou en comparecencia de imprensa a pasada semana a presidenta da Asociación Veciñal Eduardo Chao, María Pérez, en declaracións recollidas por Europa Press. 

Porén, desde o concello o seu rexedor, Abel Caballero (PSOE) asegurou que estas familias están a recibir axudas municipais desde 2010 e lamentou que non se manifesten "á porta" da Xunta. As familias, igual que os colectivos sociais da cidade, manteñen que se trata de "axudas puntuais" que reciben "se se concede" no mes de "decembro" e cuxa contía "non cubre o total" dos gastos económicos das familias.

O Concello culpa a Xunta

No cerne do debate sitúase máis unha vez a falta de vivenda social pública na cidade de Vigo após a venda dos pisos da rúa Rosalía de Castro, propiedade municipal, para a Cidade da Xustiza. Desde ese momento o concello deriva a responsabilidade no goberno galego que embora comprometerse á construción dun conxunto de inmóbeis estes poderían demorar anos en estar en condicións de seren ocupados por familias con necesidades habitacionais.