Greve de fame en Compostela para reclamar #XustizaParaHaidala

[Imaxe Concello de Compostela]

O activista sahariano Hassanna Aalia e a presidenta de Sogaps, Maite Isla, tomaron o relevo do xexún que reclama a investigación do asasinato de Mohamed Lamin Haiadala. 

 

Asociación Galega Solidariedade co Pobo Saharaui (Sogaps) e o activista sahariano Haasanna Aalia sumáronse esta segunda feira á greve de fame rotatoria de apoio a Takbar Haddi a nai do mozo asasinado na cadea de El Aaiún "após ser atacado por un grupo de colonos e torturado pola policía marroquina", denuncia Haddi. 

O xexún, de 24 horas, visa intensificar a campaña iniciada pola cidadá sahariana en Tenerife e que prolongou a súa folga de fame durante 36 días. Aliás, súmase ás accións desenvolvidas noutros puntos do Estado español. 

En declaracións aos medios recollidas por Europa Press, a presidenta de Sogaps, Maite Isla salientou a necesidade de "dar a coñecer" a situación que atinxe o pobo sahariano e a loita de Takbar Haddi para a que Isla e Aalia demandaron "xustiza". 

Hassanna Aalia denunciou, así mesmo, a "postura do Goberno de España" --potencia administradora aínda do Sáhara-- a quen sinalou como "responsábel do que está a acontecer". 

Mohamed Lamin Haidala, de 21 anos, foi asasinado na cadea de El Aaiún o 8 de febreiro. A súa nai reclama a recuperación do seu corpo (que non lle foi devolto) e exixe unha autopsia e investigación que esclarezan as razóns da súa morte. 

Á Praza do Obradoiro, onde decorre a protesta, achegáronse representantes políticos da capital galega como o alcalde compostelán, Martiño Noriega, e o concelleiro do BNG, Rubén Cela. Alí tamén se atopaban o delegado sahariano na Galiza, Habibulah Mohamed e Carlos Ruiz Miguel, catedrático de Dereito Constitucional. 

Ao longo da mañá tamén se desprazaron @s paralmentares galeg@s Montse Prado e Daniel Rodas (BNG) e Xabier Ron (AGE).