Concentracións en 5 cidades galegas

Greve estudantil esta quinta feira contra a sentenza de ‘La Manada’

O Sindicato de Estudantes adírese á convocatoria da plataforma feminista Libres e Combativas para criticar a decisión xudicial

“Basta de xustiza machista e violencia contra as mulleres!”. Ese é o lema da greve estudantil que terá lugar esta quinta feira 10 de maio. Convocada polo Sindicato de Estudantes e pola plataforma feminista Libres e Combativas, a mobilización pretende poñer ao nú a “escandalosa sentenza feita pública polo tribunal de Pamplona sobre o xuízo aos violadores da Manada” que conmocionou “millóns” de persoas, explican nun comunicado.

 

A sentenza do tribunal tería demostrado “a dobre vara de medir dunha xustiza chea de reaccionarios que estrañan o franquismo”, apuntan desde o sindicato estudantil en relación ao caso de tuiteiros e rapeiros que afrontan penas de cárcere por chíos ou letras de cancións. “Secuéstranse libros, censúranse revistas e lévase á policía aos campos de fútbol para incautar camisetas marelas, argumentando que todo iso incita á violencia”, explican.

 

As dúas organizacións chaman o estudantado a participar na greve, paralizar as aulas en centros de ensino secundario e universitario e sumarse ás concentracións das 12 da mañá que terán lugar en cinco cidades galegas. A praza do Toural en Santiago, o Obelisco na Coruña, a Farola de Urzáiz en Vigo, a Subdelegación do Goberno en Ourense e o Edificio da Xunta en Ferrol serán os puntos de encontro das mobilizacións. “Nesta gran folga manifestaremos o noso rotundo rexeitamento a esta xustiza patriarcal e machista —esixindo a expulsión da xudicatura dos xuíces responsables desta sentenza aberrante—, contra a corrupción do PP e os seus ataques ós dereitos democráticos, e mostraremos toda a solidariedade do estudantado coa vítima desta agresión horrenda”, afirman desde o Sindicato de Estudantes.