Greve o 19 de abril no ensino galego

Imaxe dunha mobilización estudantil (GZ Foto]

En todos os niveis educativos. Chaman a participar na xornada de paro e mobilizacións o Movemento Estudantil Galego e Erguer.

 

A Asemblea Aberta de Mulleres anunciou o pasado 14 de marzo a convocatoria dunha greve estudantil en Galiza o 19 de abril para defender un “ensino feminista e democrático”, instando a que “o feminismo deixe de ser unha cuestión complementaria e pase a xogar un papel central” no ensino. O chamado foi collendo corpo e desenvolvéndose, alargando as reivindicacións e demandas para a greve desta quinta feira, 19 de abril, xornada na que tamén haberá mobilizacións en diferentes ciudades e vilas do país.

 

Organizacións como o Movemento Estudiantil Galego e Erguer chaman a secundar a xornada de paros e mobilizacións nos diferentes niveis de ensino galego. Desde Erguer abandeiran o lema ‘Nin LOMCE nin pacto entre elites, por unha Lei Galega de Educación’, e sinalan que o seu  obxectivo é xerar unha continuidade respecto á greve do pasado 16 de novembro, “na que saímos ás rúas tamén baixo ese lema, para continuar incidindo na necesidade de termos unha lei educativa propia en Galiza, que rache co contido neoliberal e españolizador da LOMCE e do Plan Boloña”.

 

O Movemento Estudantil Galego convoca baixo a palabra de orde ‘Por un ensino feminista e democrático”, coa que está a realizar asembleas abertas en diferentes centos de ensino e facultades. Entre as reivindicacións, o mantemento da moratoria para a implantación do 3+2 en Galiza, a democratización integral das institucións educativas, melloras en bolsas e transporte público para o estudantado, derrogación da Lomce ou establecer mecanismos efectivos de prevención e denuncia das violencias machistas; entre outras.

 

Desde Asembleas Abertas afirman que esta mobilización está convocada polos espazos abertos de estudantes de toda Galiza, sen vinculación a organizacións políticas e que se organizan de forma totalmente independente.