Greenpeace denuncia na Fiscalía a falta de controis para evitar a entrada de madeira ilegal polos portos galegos

Foto de Daniel Beltrá (Greenpeace)

As denuncias de Greenpeace perante a Xunta da entrada desas mercancías non tiveron resposta por parte da administración galega. “Galiza é unha das principais portas de entrada de madeira de orixe ilegal ao mercado español e europeo”, advirten desde a organización.

Greenpeace presentou diante a Fiscalía de Medio Ambiente de Galza unha denuncia na que solicita que se investigue o incumprimento por parte da Xunta e de empresas do sector forestal da lexislación que obriga a verificar que a madeira que entra no mercado da UE a través de compañías galegas é legal e non procede da violación de dereitos humanos ou do desacato das leis ambientais.

 

“Galiza é unha das principais portas de entrada de madeira de orixe ilegal ao mercado español e europeo”, declarou Miguel Ángel Soto, responsábel da campaña de Bosques de Greenpeace. “E é obvio que quen está ao cargo de facer cumprir a lexislación non está moi interesado en establecer os controis”.

 

Segundo a lexislación europea, española e galega, a Xunta está na obriga de establecer controis periódicos ás empresas do sector forestal que importan madeira desde terceiros países para verificar que dispoñen dun sistema de Dilixencia Debida a través do cal se avalía e minimizan os riscos de importar madeira procedente de actividades forestais ilícitas.

 

Ao longo de 2018 Greenpeace presentou tres reclamacións diante da Xunta solicitando que se establezan controis ás empresas importadoras de madeira ante as evidencias de que a través de portos galegos está a entrar madeira sen as debidas garantías procedente de Brasil e Myanmar ou directamente relacionada coa violencia en Brasil, o que se coñece como “madeira de sangue”. A Xunta non contestou.