Sanidade pública

"Grazas pola confianza na sanidade pública": o SMS da Xunta a usuarias ás portas da manifestación contra a súa política sanitaria

A mensaxe recibida en varios teléfonos móbiles.

Sanidade parabeniza por mensaxe de texto a días da mobilización do 4-F a familias que levaron nestes meses vacinar as súas fillas: "Nunca o fixera"

"Consellaría de Sanidade, Saúde Publica. Parabéns por decidir protexer nesta campaña o teu fillo/a das potenciais complicacións da gripe. Grazas pola confianza nos programas de saúde publica de Galicia". Esta é a mensaxe que están a recibir nestes días vía SMS pais e nais de crianzas vacinadas ao longo destas semanas no marco da campaña contra a gripe.

Algunhas desas familias mostraron a Nós Diario a súa sorpresa por recibir estas mensaxes de texto. Un feito que se produce a escasos días de que decorra unha manifestación nacional este domingo en Compostela en defensa da sanidade pública.

E un SMS que se envía, ademais, ás portas do inicio da campaña electoral do 18-F e onde a sanidade pública é un dos principais temas de debate e propostas entre as diversas formacións. Unha das persoas que esta segunda feira recibiu esa mensaxe de texto enviada pola Consellaría de Sanidade vacinou a súa crianza a principios de novembro, vai case para os tres meses.

Outra das persoas sinala que esta é a primeira vez que recibe esa mensaxe malia que, apunta, os seus fillos non é esta a primeira vez que se vacinan na campaña da gripe, e nesas ocasións non se lles enviara mensaxe ningunha.

A Consellaría de Sanidade acordou a inicios de xaneiro unha nova ampliación da campaña de vacinación fronte a gripe e a Covid-19, que se estendeu até o vindeiro 26 de xaneiro.

Até ese momento, 9 de xaneiro, vacináronse fronte á gripe máis de 800.000 galegas e galegos, das que máis de 36.000 son menores de 5 anos. Trátase do segundo período co que a Xunta amplía as datas para poder vacinarse de ambas infeccións respiratorias, xa que até o de agora estaba previsto que a campaña rematase o vindeiro 12 de xaneiro.