Denuncian graves vulneracións dos dereitos das embarazadas no Hospital de Burela

Hospital da Costa
O Observatorio da Mariña pola Igualdade afirman que "os médicos fan as probas, din que todo está ben aínda que haxa problemas graves". E denuncian que "se están a vulnerar os dereitos das pacientes á información veraz e a exercer o seu dereito ao aborto dentro do establecido pola lei"
 

 

O Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de denunciar que no Servizo de Obstetricia do Hospital da Costa de Burela "estanse a vulnerar os dereitos das pacientes embarazadas. Os xinecólogos e xinecólogas, que son as persoas responsábeis de realizaren as probas prenatais (ecografías, basicamente), non están a informar dos problemas ou malformacións que detectan no feto".

No devandito Servizo de Obstetricia non se dá información ou esa información non é correcta, indican desde o Observatorio. "Os médicos/as, profesionais nos que depositamos toda a confianza nun momento tan especial da nosa vida, fan as probas, din que todo está ben aínda que haxa problemas graves". Isto está a traer como consecuencia inclusive problemas graves nas mulleres embarazadas.

"Son moitos os casos nos que xa na ecografía da semana 12 se detectan malformacións graves no feto e desde o hospital non informan á paciente"

Perigos

Nun comunicado, o Observatorio afirma que "son moitos os casos nos que xa na ecografía da semana 12 se detectan malformacións graves no feto e desde o hospital non informan á paciente". Nalgúns casos, denuncian, mandan mesmo realizar probas que non teñen nada que ver co problema para que vaia pasando o tempo e así pasar das 22 semanas que son as que a lei permite para a interrupción do embarazo no caso de malformacións graves no feto.

"A falta de información leva a que non se poida tomar unha decisión libremente e ademais ao pensaren as mulleres embarazadas que o embarazo vai ben pasa o tempo e cando xa é evidente que o embarazo non pode chegar a término desde o hospital non asumen responsabilidades nin dan solucións e abandónante e nestas situacións tan difíciles debes facer fronte ademais a uns gastos económicos que supón acudir a clínicas privadas. Neste sentido o Servizo Galego de Saúde, Sergas, non está a garantir a asistencia sanitaria pois polas ideas persoais duns/dunhas profesionais dun servizo determinado obrigan a acudir a médicos/as que exercen o seu traballo en consultas privadas".

Así pois, o Observatorio denuncia que desde o Servizo de Obstetricia do Hospital da Costa "se están a vulnerar os dereitos das pacientes á información veraz e a exercer o seu dereito ao aborto dentro do establecido pola lei"