A gratuidade dos trens de proximidade e Media Distancia estenderase a 2023

Tren de media distancia. (Foto: Renfe)
A medida ficará en vigor ao longo do próximo ano.

O Goberno estatal acordou esta terza feira manter a gratuidade do transporte en trens de proximidade e Media Distancia para pasaxeiros e pasaxeiras recorrentes durante todo o ano 2023, estendendo así unha medida que inicialmente remataría o 31 de decembro de 2023.

Así o avanzou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que deu luz verde ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para o próximo ano. Montero detallou que, alén de estender a medida, converteraa nunha política estrutural para facer un seguimento do seu impacto e dos seus beneficios sobre a sustentabilidade e a redución de emisións contaminantes, por incentivar o uso do transporte público en detrimento do coche.

En concreto, os OXE incluirán unha partida de 700 millóns de euros para o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o que suporá un incremento de 41,2% a respecto do ano pasado, a maior parte destinada a esta iniciativa.

Na súa intervención, Montero referiuse unicamente á gratuidade que xa se está a aplicar aos trens de proximidade e Media Distancia, que dependen de Renfe, á que se lle transferirán estes fondos. Sobre os descontos de 30% nos abonos de transporte das cidades, sinalou que se estudará máis adiante a súa posíbel extensión.

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, tamén se referiu a este anuncio dicindo que "os OXE 2023 contribuirán a seguir impulsando o transporte público para reducir as emisións e a dependencia enerxética e aliviar a economía das familias".

Só no primeiro mes de funcionamento, en setembro, as viaxes en trens de Media Distancia medraron 40% e en trens de proximidade, 24% en comparanza co mesmo mes do ano pasado, con 1,5 millóns de bonos gratuítos expedidos no conxunto do Estado español.

Con estes datos, o aforro para o medio ambiente calculado polo Goberno é de 118 millóns de litros de gasolina e até 360.000 toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, comparando coa opción de realizar esas viaxes en coche.