A gratuidade do ensino até tres anos 'nutre' 500 escolas privadas

Unha escola infantil (Foto: Nós Diario).
Todas as escolas infantís da Galiza, públicas e privadas, van ser gratuítas o vindeiro curso tanto para primoxénitos como para segundos e sucesivos irmáns. Un anuncio que o presidente, Alberto Núñez Feixoo, realizou o pasado outubro no Debate da Nación e sobre a que volveu esta quinta feira após o Consello da Xunta para se gabar de ser "pioneiros" en gratuidade. A medida pode beneficiar medio millar de escolas infantís privadas. 

O Consello da Xunta desta quinta feira tivo sobre a mesa un informe no que se daba conta do investimento de 4,4 millóns de euros "para mantemento e gratuidade das escolas infantís municipais". Núñez Feixoo tivo aí o gancho para, na súa comparecencia após o Consello, incidir nos "30 millóns de euros" que van dedicar a financiar "100%" a gratuidade de todos os nenos e nenas de Educación infantil, até os tres anos, e non só segundos fillos e sucesivos, como até agora.

Unha liña de axudas que se dirixen a todas as escolas infantís, tanto sexan públicas, concertadas, de interese social ou privadas.

Isto implica, as escolas públicas dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (25 centros), as dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (147)e as 34 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

Privadas

A Xunta financiará 100% do que as escolas privadas cobran ás familias pola atención educativa até un máximo de 260 euros mensuais. No caso de que a matrícula do centro fose superior, a escola queda obrigada a baixar o prezo ou non poderá adherirse a esta medida. 

Con todo, desde a Consellaría de Política Social asegurou que no curso pasado adheríronse 496 das 500 escolas privadas que hai na Galiza.

O anuncio de Núñez Feixoo xa xerou no seu día os parabéns da Asociación que aglutina boa parte deses centros, Agadei, que afirmou que a medida ía "igualar máis" o acceso ás escolas infantís de nenos en distintas situacións socioeconómicas, así como favorecer a "liberdade de elección" de centros.

Moi distinta é a visión de sindicatos e entidades defensoras do ensino público. Desde a CIG criticouse que a medida inclúa subvención de prazas privadas ou concertadas "no canto de aumentar as prazas públicas e mellorar a situación laboral do persoal destas escolas". "Precisamente o feito de que se estenda a gratuidade ás escolas privadas reflicte que non hai suficientes prazas públicas", indicaba. CCOO, pola súa parte, apuntaba que "a oferta pública de prazas é claramente insuficiente".

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) considera que a gratuidade das escolas infantís "é unha boa medida", aínda que "pensada máis para o ámbito urbano". Lembra que, en xeral, "faltan escolas para nenos de 0 a 3 anos" e máis en zonas do rural.

Financiamento

Na súa comparecencia, o presidente tamén informou doutros temas relativos ao ensino e debatidos na reunión semanal do Consello, como a "luz verde" dada aos acordos que se asinarán con cada unha das tres universidades públicas galegas para a posta en marcha do Plan galego de financiamento universitario para o período 2022-2026.