A gratuidade da devolución dos terreos, a clave na consulta popular da Coruña

Asemblea Defensa do Común Salón de Plenos do Concello da Coruña. 22 de febreiro de 2017.

A Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña vén de facerlles entrega aos grupos municipais dunha moción que insta a que na consulta popular sobre terreos portuarios e outros terreos estatais se pregunte directamente pola gratuidade da devolución. A cesión de balde é o factor que divide as formacións políticas.

A comisión creada ao redor de 60 entidades que solicitan a devolución dos terreos portuarios e outros terreos titularidade agora do Estado ao concello da Coruña vén de entregarlles aos grupos municipais unha moción na que, ademais de pedir a adhesión á manifestación que terá lugar o 7 de maio, senta as bases da consulta popular que o Goberno municipal se comprometeu a realizar.

A clave da consulta reside no sentido da pregunta. E é que a Comisión Aberta en Defensa do Común reclama que se pregunte pola devolución gratuíta e se responda cun si ou cun non:

“Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público da Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os peiraos, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, e que Fomento asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións?”

Tamén solicita que o Goberno teña en conta o resultado da consulta popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas administracións públicas. Precisamente, a gratuidade é a clave do proceso. Mentres a Marea Atlántica lle ofreceu á Autoridade Portuaria 1,4 millóns polos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, a Comisión, da que forman parte a propia Marea, o BNG e o PSOE, reclama a devolución gratuíta, un requirimento que xa puxeran sobre a mesa o Bloque e mais a CIG.

A Comisión entende que a devolución debe ser de balde en tanto os terreos “son espazos comunais, cedidos ao ministerio de Defensa para instalacións militares, bens propios pertencentes á cidade desde a súa fundación”. “Non pedimos nada especial porque sabemos que Defensa cedeu edificios e terreos gratuitamente noutras moitas cidades como Barcelona ou Alcalá de Henares”, sinalan desde a plataforma, que tamén se pregunta por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento resgate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid. Advirte, ademais, de que coas operacións especulativas de venda, a Autoridade Portuaria trata de facer fronte á débeda contraída pola construción do porto exterior.

Manifestación

A gratuidade da devolución tamén será o eixo central do lema da mobilización convocada para o 7 de maio pola Comisión, “Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre, todos os peiraos, cárcere e terreos do Campo da Estrada. Non á venda e privatización da fachada marítima. Basta xa de especulación”. As entidades que forman parte da plataforma emprazan o Goberno, con esta moción, a publicar un bando e a colaborar na difusión da convocatoria.

Fontes do Goberno municipal apuntan, en declaracións a Sermos Galiza, que “estamos negociando a posibilidade dunha redacción que permita maior apoio á moción”. As mesmas fontes afirman que “tal como está agora tería menos apoios que os que unha cuestión tan importante como esta merece”. 

O BNG, a través da súa portavoz Avia Veira, sinalou, en declaracións a este medio, que a formación nacionalista asume como propia a iniciativa da Comisión coa redacción que propuxeron.