Estas son as liñas de autobús estatais gratuítas desde hoxe

Os viaxeiros deberán achegar unha fianza mínima de 20 euros. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Entra en vigor a gratuidade de diferentes roteiros de transporte público por estrada: estas son as condicións.

Esta cuarta feira, 1 de febreiro, entra en vigor a gratuidade dos roteiros de autobús estatais para viaxeiros e viaxeiras frecuentes que acheguen unha fianza mínima de 20 euros, que se devolverá se se fan un mínimo de doce viaxes durante os próximos tres meses. O funcionamento será semellante á medida que se aplica nos trens de proximidade e Media Distancia de Renfe desde setembro do ano pasado.

Segundo detalla a Confederación Española de Transporte en Autobús (Confebús), os viaxeiros deberán dirixirse á empresa de transporte ou á canle de venda habitual para obter un código único e adquirir o título multiviaxe do traxecto recorrente. A continuación, deberán pagar por este título unha cantidade en concepto de fianza, que será reembolsada se se alcanza o mínimo estabelecido.

Son, en concreto, 20 euros por billetes de até 5 euros, 35 de euros para os de entre 5 a 13 euros, 50 euros para os de entre 13 e 25 euros e 65 euros para os superiores a 25 euros. Estes títulos terán unha validez de catro meses, agás no primeiro deles, que será de tres meses, debido a que comeza en febreiro e vencerá en abril, período durante o cal terán que realizarse doce viaxes ou máis.

Nos períodos de maio a agosto e de setembro a decembro terase que viaxar máis de 16 veces no traxecto concreto para o cal se adquiriu o billete, válido só para unha persoa. No caso de que os viaxeiros obtivesen o título multiviaxe con tarxeta de crédito, a devolución realizarase nun prazo máximo dun mes e de forma automática pola empresa concesionaria, sen solicitude previa por parte do usuario, á tarxeta de crédito coa que se obtivo o título, unha vez finalizado o trimestre ou cuadrimestre.

Para os títulos obtidos con pagamento en metálico, a devolución do importe adiantado en concepto de fianza deberá ser solicitada polo viaxeiro nos despachos de billetes, oficinas de atención ao cliente ou en calquera outro servizo posventa habilitado para o efecto pola empresa concesionaria, nun prazo non superior a dous meses desde a finalización do prazo de vixencia do título multiviaxe.

O Goberno español destinará 27,3 millóns de euros durante o primeiro semestre do ano ao financiamento desta gratuidade no transporte de viaxeiros en autobús nas liñas estatais. A medida complementarase cos descontos de 50% no transporte autonómico, que custará 380 millóns de euros ao Estado, e a gratuidade en Renfe, con outros perto de 700 millóns de euros.

Liñas de autobús gratuítas

  • Madrid-Salamanca-Vigo con prolongacións
  • Vigo-Irún-Barcelona
  • Irún-Tui con prolongacións
  • Santiago de Compostela-Xixón-Irún-Barcelona
  • Ferrol-Algeciras
  • Teruel-Barcelona con prolongación a Caspe
  • Logroño-Soria-Madrid con prolongacións
  • Madrid-Toledo con prolongacións
  • Murcia-Sevilla por Granada con prolongacións
  • Murcia-Valencia
  • Viella-Lleida con prolongacións
  • Lleida-Molina de Aragón por Zaragoza con prolongacións
  • Madrid-Badajoz-Valencia con prolongacións
  • Coria-Salamanca-Barcelona con prolongacións
  • Madrid-Alicante con prolongacións
  • Madrid-Toledo por Valmojado con prolongacións por Chozas de Canales
  • Burgos-Poza de la Sal-Frías-Briviesca-Logroño con prolongacións
  • Soria-Zaragoza con prolongacións
  • Madrid-Fuensalida
  • Madrid-Miajadas-Don Benito con prolongacións
  • Madrid-Granada-Almuñécar
  • Madrid-Jaén con prolongacións
  • Madrid-Zaragoza-Barcelona con prolongacións
  • Santander-Bilbao-Barcelona con prolongacións
  • Huesca-Lleida con prolongacións
  • Madrid-Fuente Del Arco-Badalona con prolongacións
  • Alacant-Murcia con prolongacións
  • Zaragoza-Murcia con prolongacións
  • Salamanca-León-Santander-Laredo
  • León-Zaragoza por Valladolid con prolongacións
  • Sevilla e Málaga a Montgat e Manresa con prolongacións
  • Madrid-Piedrabuena
  • Zaragoza-Castelló de La Plana por Tarragona e Caspe
  • Madrid-Irún con prolongacións
  • Madrid-Casas Ibáñez-Las Lagunas de Ruidera
  • Xixón-León-Madrid
  • Sevilla-Salamanca-Irún
  • Puente Genave (Jaén)- Albacete
  • Tamarite de Litera (Huesca)-Lleida
  • Santander-Bilbao-La Manga del Mar Menor (Murcia)
  • Madrid-Sevilla-Ayamonte (Huelva)
  • Madrid-Córdoba-San Fernando
  • Madrid-Almería
  • Ayamonte -Santa Coloma de Gramanet
  • Madrid-Zaorejas-Sigüenza
  • Madrid-Plasencia (Cáceres)
  • Madrid-Ávila
  • Madrid-Jaraíz de La Vera (Cáceres)
  • Pamplona-Jaca
  • Madrid-Navamorcuende (Toledo)
  • Calahorra-Soria
  • Almería-Cartagena
  • Murcia-Almería
  • Cuenca-Barcelona
  • Madrid-Piedrabuena (Ciudad Real)-Agudo (Ciudad Real)
  • Madrid-Málaga-Algeciras
  • Fraga-Binefar-Mequinenza (Huesca)-Lleida
  • Irún -Algeciras
  • Burgos-Zaragoza
  • Eibar-Pamplona
  • Jaén-Benidorm
  • Mérida-Sevilla
  • Badajoz-Sevilla
  • Madrid-Aranda del Duero (Burgos)-El Burgo de Osma (Soria)
  • Madrid-Guadalajara
  • Barcelona-Huesca
  • Madrid-Segovia con prolongación a Melgar de Fernamental (Burgos)
  • Aldeanueva del Camino (Cáceres)-Madrid
  • Puertollano-Tomelloso-Cuenca-Albacete-Valéncia
  • Alacant-Cartagena-Murcia
  • Pedro Bernardo (Ávila)-Talavera de la Reina (Toledo)
  • La Adrada (Ávila)-Talavera de la Reina
  • Hontanares (Ávila)-Talavera de la Reina
  • Badajoz-Córdoba con prolongacións
  • Madrid-Molina de Aragón-Teruel-Valéncia
  • Madrid-Pamplona por Burgos e Logroño, con prolongacións

Fonte: Ministerio de Transportes