Reaccións da prensa

Os grandes medios españois acrecentan a ofensiva anti independentista após os atentados

[Imaxe: Jacinta Lluch] Un quiosque en Madrid

Os medios españois continúan a cargar nos seus editoriais, e tamén nas páxinas de información, contra o proces independentista catalán após os atentados de Barcelona e Cambrils. Botamos unha ollada aos exemplos máis representativos.

A estratexia mediática en contra do lexítimo dereito do pobo catalán a expresar a súa opinión a respeito do proces soberanista continúa após os atentados da quinta feira e da madrugada da sexta feira en Barcelona e Cambrils, respeitivamente. Xa non só cos editoriais, a través das páxinas de opinión, senón tamén nas de información.

 

Desta maneira, a meirande parte dos medios españois cargan na edición deste domingo contra as palabras do conseller de Interior, Joaquim Forn, por especificar as nacionalidades das vítimas dos atentados, entre as que incluía a catalá. A prensa aproveita para cargar contra o nacionalismo con titulares do tipo, “O Goberno catalán distingue entre vítimas catalás e españolas”.

 

A relación das nacionalidades das vítimas tamén lle serviu a El País para criticar o conseller no editorial deste domingo, “máis grave aínda resultou a lamentábel intervención do conseller de Interior, Joaquim Forn (...)”. “Descoñecemos que atribucións, criterios ou parámetros ten o conseller para atribuír os falecidos as citadas distincións. Lamentamos que unha persoa cunha posición institucional tan importante amose, nun momento de dor e de responsabilidade tan crucial, uns prexuízos ideolóxicos tan preocupantes”, continúa o editorial, que acrecenta o seu ataque furibundo ao se referir á “falta de respecto tan inmensa ás vítimas e, por extensión, a todos os cidadáns deste país”. Reclama “unha rectificación pública en toda regra”.

 

E, como se non for suficiente, El País publica dous cadriños de Peridis que tamén cargan contra o procés e que vinculan “a folla de ruta” coa “filla de loito”. O propio director do medio, Antonio Caño, saía en Twitter ao paso das múltiplas críticas vertidas nesta rede social, “con todos os respeitos, non vou permitir que se denigre de forma tan ruín unha exemplar traxectoria profesional”, salientaba.

 

O outro gran medio de Madrid, El Mundo, a través do seu editorial, tamén alude ás palabras do conseller de Interior e apela, como boa parte dos medios españois, á “unidade política”, “os nacionalistas deben afrontar a realidade e arrimar o ombreiro porque o inimigo non fai distincións entre cataláns, madrileños, londinenses ou parisienses. Porén, malia a brutalidade do acontecido, o Govern segue teimando no procés e trata de facer propaganda co atentado”, sinala o diario, que tamén critica a Raül Romeva, conseller de Exteriores, por se presentar como “ministro de Asuntos Exteriores” nas televisións estranxeiras. “Roto o espellismo, Puigdemont debe elixir entre o proceso separatista ou o abrazo á Constitución e reconducir a súa relación co estado para combater xuntos o terrorismo”.

 

Outros exemplos

 

Alén da expresión dunha liña editorial anti independentista, tamén puideron percibirse mostras de adulteración de declaracións nesta ofensiva mediática. O exemplo máis claro é o dunhas declaracións do president da Generalitat, Carles Puigdemont, en Onda Cero, que foron terxiversadas e difundidas na meirande parte dos medios españois con titulares do tipo “Puigdemont: Os atentados non cambiarán a nosa folla de ruta sobre o proceso”. Unhas supostas declaracións que o debuxante Peridis aproveitaba, como antes explicamos.

 

O entrevistador de Onda Cero preguntáralle ao president se o atentado modificaba “dalgún xeito” os plans da Generalitat a respeito do procés. Puigdemont respostaba: “É que non entendo que teña absolutamente nada a ver. O que non cambiará en absoluta será a nosa política de seguridade pública”.

 

Outra fronte aberta nas últimas horas por parte dalgúns medios ten a ver coa ausencia de bolardos na Rambla, un feito que foi presentado como un enfrontamento entre o concello, do que é alcaldesa Ada Colau, e a Generalitat.