Unha grande operación contra o narcotráfico en Vigo acaba con 10 detidos e 220 quilos de cocaína incautados

Droga incautada ao grupo de narcotraficantes (Foto: Garda Civil).
A maioría de detidos na 'Operación Carplaya' tiñan vínculos familiares e gardan relación co narcotráfico desde hai anos.

A Garda Civil deteu dez persoas, dentro dunha investigación dirixida pola Audiencia Nacional, por formar parte dunha organización criminal asentada na Galiza que distribuía cocaína no Estado español e algunhas zonas de Portugal, usando para iso vehículos dotados de tecnoloxía de inhibidores de frecuencia e sistemas de detección de radio frecuencia, sendo chave o papel que xogou para iso un taller clandestino de Vigo.

A operación saldouse con 15 rexistros en varios municipios, procedéndose á incautación de 220 quilogramos de cocaína e inmobilizando máis de catro millóns de euros, segundo informou a Garda Civil, que destaca o achado de substancias estupefacientes ocultas nun zulo nunha granxa agrícola e gandeira de Pontevedra cun "sofisticado sistema de soterramento".

A maioría de detidos na 'Operación Carplaya' tiñan vínculos familiares e gardan relación co narcotráfico desde hai anos. Esta sexta feira pasaron ao disposición do Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, dentro da investigación do Equipo contra o Crime Organizado con sede na Galiza da Unidade Central Operativa (UCO), en coordinación coa Fiscalía Especial Antidroga e Europol.

O taller clandestino

Os investigadores constataron o uso de tecnoloxía de mensaxería encriptada nas súas comunicacións para transportar a droga por estrada, así como sistemas de inhibición e detectores de radiofrecuencia de última xeración.

A Garda Civil tamén destacou o papel dun taller clandestino en Vigo, "chave na loxística utilizada", xa que transportaban o estupefaciente oculto en vehículos sen necesidade de contar co apoio doutros coches de seguridade para evitar controis policiais ou calquera outra incidencia, como é o habitual.

Vehículos de alta gama

Os detidos adquirían con frecuencia vehículos de alta gama, todo tipo de mobiliario para vivendas a nome de cónxuxes ou familiares, así como viaxes exclusivas.

O dispositivo da fase de explotación contou coa participación de máis de 250 axentes de diferentes unidades da Garda Civil, entre elas o Grupo de Acción Rápida (GAR), os Grupos de Reserva e Seguridade de València e León, Servizo Cinolóxico Central, Sección Fiscal de Melilla e diversas unidades das Comandancias de Pontevedra, Lugo e Melilla.