Desorganización na inoculación

“O gran xestor chámanos a vacinar na mesma mañá 15 dos 17 profesores que somos no meu centro”

Aula fechada nun colexio após decretarse o confinamento domiciliario o pasado ano (Foto: Iván Terrón / Europa Press).
A pasada segunda feira, o presidente da Xunta informaba de que o día seguinte comezaría a vacinación do profesorado. Só unhas horas despois, docentes de Educación Infantil e Primaria menores de 55 anos, recibían as primeiras citas xa para o día seguinte, sen apenas marxe para organizar as aulas. Unha situación que catro días despois non mellorou: "No meu colexio, chamaron para a mesma mañá 15 de 17 docentes", advirte un profesor.

Un profesor de Educación Primaria que traballa nun centro de ensino público divulga o seu testemuño para dar conta da desorganización na vacinación do profesorado, da que se tivo conta por vez primeira na segunda feira, cando Feixoo anunciou os novos niveis de restricións que rexen a Galiza desde esta sexta, día 26.

"No meu colexio, de 17 docentes, convocáronnos da quinta feira ás 17 horas para a sexta feira pola mañá un total de 15 profesores para nos vacinar entre as 10 e as 13 horas" a 32 quilómetros de distancia do centro de ensino, explica este profesor nun vídeo que circula nas redes sociais.

"Hai unha improvisación total, non sei que medallas se queren colgar. Como atendemos os rapaces?", pregúntase este mestre, que ironiza co papel de "gran xestor" que se atribúe Feixoo.

"Temos que atender por quendas as rapazas e rapaces como poidamos, dous ou tres para todo o colexio, durante unhas horas", explica, "se saben que non traballamos polas tardes, por que non nos mandan traballar pola mañá e pola tarde nos vacinan?".

Este profesor expón que a Consellaría de Educación envía os docentes vacinados de novo ao centro de traballo após a inoculación, sen ter en conta as posíbeis reaccións adversas. Ademais, as citas déronse sen apenas tempo para comunicarlles a situación ás familias.

"Tivemos que informar as familias poucas horas antes, cando Inspección contestou"

Isto provocou que en Educación Infantil non se impartan aulas esta sexta feira pola mañá, "os pequenos non teñen clase, co que iso lles supón ás familias, e tivemos que informalas poucas horas antes, cando Inspección contestou". "Resolveuse que [as crianzas] poden vir, mais se queren deixalas nas casas, poden", engade.

"Vacínannos os mestres e condenan os centros de ensino, sabendo que hai fins de semana e que non traballamos nas fins de semana", reflexiona o mestre, quen denuncia que "este descontrol non vai saír na TVG".

Non é un caso illado

Outra profesora de Educación Infantil doutro centro público explica, en declaracións a Nós Diario, que recibiu a terza feira, día 23 de febreiro, unha SMS do Sergas ás 20.14 minutos para estar no Hospital Montecelo de Pontevedra ás 8.48 horas do día seguinte.

"Onte chamaron 17 profesores, nós somos un colexio grande, mais non poden contar cos 17 na mesma franxa horaria", di outra profesora

"Onte chamaron a 17 profesores, nós somos un colexio grande, mais non poder contar con 17 persoas nunha mesma franxa horaria é surrealista", engade esta mestra.

Protestas dos sindicatos

Tras coñecerse na segunda feira a intención da Xunta da Galiza de inocular o profesorado menor de 55 anos, coa vacina de AstraZeneca, desde o día seguinte ao anuncio, sindicatos como a CIG-Ensino e Anpe denunciaron a falta de xestión.

Así, o sindicato nacionalista criticou o “total desprezo” aos corpos docentes ante o “inesperado” proceso, do que non tiveron comunicación previa as organizacións sindicais, que seguen a descoñecer os prazos e o sistema que se desenvolverá.