Preséntase GpS, rumbo a un Estado propio "antipatriarcal, social e laico''

[Imaxes: Maia]

Cun manifesto asinado xa por 200 persoas, a iniciativa social Galiza pola Soberanía, que este sábado se deu a coñecer en Compostela, comezará a traballar "de maneira inmediata" para avivar o debate visando a construción dun Estado galego. 


Pola República galega, polas nosas fragas, contra a LOMCE e por un ensino público de calidade, pola Selección galega, porque a nosa solidariedade 'é imparável', polo Xabarín Club, polo pobo saharaui, para reinvindicarmos a Cultura contra a mentira, para proclamarmos a identidade do pobo galego cun Eu nunca serei yo, pola escola popular A Semente, para Que voltem para à casa!, contra as enerxías nucleares, pola Folga xeral!, porque berramos 'Cultura si, mausoleo non', contra a estafa das preferentes, porque Queremos Galego, porque procuramos amante galego-falante, polo pracer e polos centros Quérote, lembrando o lipdub pola lingua feito no CEIP de Chapela Eu falarei, para dicir que todas somos conas ceives, pola independencia, por Carvalho Calero e até por este xornal.

As máis de cen persoas que puxeron en marcha a plataforma Galiza pola Soberanía estaban chamadas a asistir á súa presentación vestindo camisolas que reclamasen ou reivindicasen os diferentes sentires do pobo galego.

Sentadas ao redor dunha bandeira da Patria, ouviron da voz de Mero, que actuou co seu grupo, A Quenlla, o primeiro dos chamados, ese que remata cun 'porque é nosa, e só nosa, a nosa Terra'.

 

Convócovos á loita en desespero,
coa palabra xa cansa de derrotas,
que o silencio está acabando cos menceres
e a razón non aluma cal debera
sen xustiza, sen xuízo, nin sentenza.


Rematada a primeira intervención musical, foi Ana Costoia, militante do colectivo feminista Conas Ceives, quen encetou a leitura dos propósitos que este sábado levaran alí a esas máis de cen persoas: "a nosa acción solidaria como pobo co firme propósito de traballarmos por ese futuro de emancipación nacional, social e de xénero". 

Costoia revolveuse contra os poderes políticos e económicos "que controlan o estado español no seu propio beneficio" acelerando o desmantelamento dos sectores produtivos do País, a asimilación cultural e lingüística con Madrid e a recentralización do Estado, e recordou que, malia o discurso globalizador dos últimos 20 anos, naceron en Europa 12 novas nacións independentes. 

Por todo o anterior, explicou, tense posto en marcha esta iniciativa, de nome Galiza pola Soberanía (GpS), chamada a promover "por vías democráticas" o debate e a axitación social no camiño dunha "soberanía plena" que conceda a Galiza a condición de Estado propio "antipatriarcal, social e laico, con base nunha república". 

A grande mobilización nacional unitaria, en marcha

Mauricio Castro trazou a folla de ruta que GpS seguirá para a consecución do obxectivo antes mencionado. Haberá "unha grande mobilización nacional" anual nunha data que GpS anunciará "proximamente".

Porén, para alén das accións de rúa e das manifestacións, "de maneira inmediata imos comezar a intervir publicamente levando o debate soberanista á realidade social de hoxe na Galiza", realizando un traballo de "interlocución" tamén a nivel institucional e internacional, con mención especial a Catalunya, Euskal Herría ou Escocia. Así mesmo, promoverase un Encontro nacional pola Soberanía da Galiza.

¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
   [...]
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!

 

Recitando En pé!, versos do poeta nacional Ramón Cabanillas, a escritora Marta Dacosta pechou a quenda de intervencións convocando á cidadanía galega a facer parte das mobilizacións soberanistas convocadas para o Día da Patria, así como a colocar nun lugar visíbel das xanelas a bandeira galega. O acto de presentación rematou con máis unha intervención da Quenlla. Interpretaron Irmaus, un canto internacionalista que ilustra ben a vontade de unidade do pobo galego.