GpS reivindica a viabilidade dunha Galiza soberana

A iniciativa social continúa a rolda de presentacións polo país e presenta novas actividades nas comarcas, entre elas, unha campaña de visibilización da bandeira galega. 

 

Galiza pola Soberanía continúa coa súa andaina. Após conformar grupos locais e comarcais en boa parte do país, segue a desenvolver actividades e campañas á fin de procurar novos apoios e adhesións ao seu manifesto. Neste senso, máis unha localidade galega acollerá a presentación deste proxecto social nado hai case un ano e encamiñado a lograr un estado propio para Galiza. 

A presentación pública de GpS en Bueu terá lugar o sábado 5 de abril no Centro Social Mar de Bueu e contará coa presenza da escritora, Teresa Moure, e o historiador Xairo Dasairas. No acto, proxectarase o documentario “A proclamación da República Galega en xuño de 1931” e terá tamén un espazo musical do que tomarán parte Mini e Mero. 

Asemade, o vindeiro 10 de abril, a asemblea comarcal da GpS en Compostela organiza unha charla-coloquio baixo o título "A viabilidade económica dunha Galiza soberana" na que intervirán a profesora de Economía da USC, Maria do Carme García Negro e o catedrático de Economía Aplicada e portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. O acto terá lugar na Biblioteca Ánxel Casal. 

A palestra visa desmitificar a idea dunha Galiza subsidiada e fornecer de argumentos @s asistentes a respeito das capacidades económicas dunha Galiza que poida decidir sobre os seus recursos produtivos. 

Para alén dos actos comarcais, GpS está a desenvolver unha campaña de visibilización da bandeira galega que loce xa en distintos muros e emprazamentos do país.