Gozar "máis" do verán con ‘Nós Diario’

Imaxe da maqueta de proba
O novo suplemento de agosto é un cóctel refrescante, enerxético e bulideiro

Durante o mes de agosto, os suplementos temáticos que nos acompañaron nas últimas semanas, de terza feira a sábado, todos os días: coñecer, aprender, xogar, gozar e producir. collerán vacacións e darán paso ao máis. O proxecto gráfico e de contidos, segundo explica Pepe Barro, parte das liñas gráficas da sección "axenda" do Nós Diario, querendo ir máis lonxe, intercalando pezas informativas -frescas-, pequenas columnas de colaboracións e fotos que son en si mesmas novas.

O subtítulo do suplemento "lecer, folgar e troular" é toda unha declaración dos obxectivos de máis. O xogo no deseño das asimetrías, o uso da cor e a composición tipográfica acompañan o discurso dos contidos para estes días de estío: ofrecer moito que ver e que ler.

De onde sae máis

O título reflicte a idea dun suplemento que ofrece máis información, a maiores do xornal habitual. O logotipo salienta esa idea ao engadir máis patas ao "m", nunha chiscadela humorística e informal. A palabra permite tamén o gag visual do acento-bandeira característico de Nós Diario. A tipografía utilizada é a versión máis fina procurando achegar dinamismo coa escolla da minúscula cursiva.

As colaboracións "literarias" serán con certa chispa, pequenas columnas cada día. Só novecentos caracteres salientados en azul. Cada día incluiranse dúas pezas denominadas "Presta>Máis", onde se darán a coñecer rutas -mar ou montaña, que na Galiza temos ambas- para que cada quen poida tomar o camiño do que máis goste, prestándolle moita atención ás fotografías.

Información do verán

A maiores das pezas informativas en formato crónica ou entrevista, teremos reportaxes ou entrevistas máis de vagar, sempre buscando a relaxación e o gozo de quen le. O caderno féchao a sección "Folgar>Máis", unha entrevista informal para saber como pasa as súas vacacións algúns dos persoeiros da Galiza.

Un novo esforzo editorial para estar na vangarda

Desde a saída de Nós Diario o 2 de xaneiro deste ano, desenvolvéronse unha serie de lanzamentos editoriais para dar respostas ás demandas de contidos de interese a unhas lectoras e uns lectores esixentes. En soporte papel, a maiores da saída do semanario Sermos Galiza e dos suplementos temáticos diarios, fixemos esforzos significativos para o lanzamento dun especial sobre Carvalho Calero de 48 páxinas de extensión así como outro especial sobre os 100 anos de conmemoración do Día da Patria Galega. Tamén o curso para a mellora da lingua galega tivo unha grande acollida durante as 15 leccións das que constou e que publicamos en maio. A atención ao homenaxeado o Día das letras galegas foi constante, non só co especial, senón co lanzamento de duplas páxinas na sección de cultura. Mais non rematamos. En setembro lanzaremos unha nova proposta temática para as páxinas centrais de Nós Diario que agardamos non deixe indiferente a ninguén, polo enfoque dos contidos e a presentación dos mesmos. A proposta conta coa participación de especialistas de primeiro nivel.

Un verán en Galeusca con VilaWeb, Berria e Nós Diario

Galiza, Euskal Herria e Catalunya cítanse durante o mes de agosto para un encontro literario do máis interesante. Baixo o auspicio de VilaWeb, Berria e Nós Diario, lanzaremos a sección "Un verán en Galeusca" que xa vira a luz no verán do ano pasado nas páxinas do Sermos Galiza e que acollerá relatos curtos e inéditos de recoñecidas autoras e autores destes tres países, que tantas veces confluíron e que seguen a artellar dinámicas á par, así como ilustracións e colaxes realizadas ex profeso.

Desde Catalunya acolleremos narrativas das escritoras Esperança Camps, Mercè Ibarz, Biel Mesquida e Bel Zaballa; Euskadi será representado por Danele Sarriugarte, Jimu Iturralde, Goiatz Labandibar e Unai Elorriaga; mentres que pola Galiza participarán as escritoras Emma Pedreira, Daniel Asorey, Marica Campo e Séchu Sende. As ilustracións das pezas literarias galegas van por conta de Emma Pedreira