Gozar da praia en corpo nu

Galiza foi pioneira na reivindicación do naturismo nas praias. Na actualidade rexístranse por volta de sesenta areais para desfrutar en cirolas. 

No verán de 1983 catorce persoas que practicaban naturismo na praia de Baroña (Porto do Son) foron prendidas pola Garda Civil acusadas de "escándalo público". No goberno do Estado español rexía a lei de Felipe González, recén chegado a Moncloa, e sobre o pobo e as súas institucións pairaba a moralidade que acha pecaminoso, obsceno e mesmo anti-natural o corpo nu. 

Non era a primeira vez que acontecida, en 1975 varias persoas foran tamén detidas, desta volta na canguesa praia de Barra, pola mesma razón embora nun contexto político diferente. 

Galiza tornábase así en pioneira na defensa do naturismo da man da Coordenadora Nudista Ecolóxico Radical (CNER), fundada entre outras persoas polo sociólogo Miguel Cancio e cuxo obxectivo era loitar para que se puidese practicar o nudismo de maneira libre, respectuosa e sen se veren prendidas polas forzas policiais. 

Defensa do territorio e legalidade

Así as cousas, a hemeroteca lembra que aquelas detencións na praia de Baroña non foran estritamente por andar en cirolas na praia --que tamén-- senón pola denuncia da destrución do litoral da man da especulación urbanística e a privatización que isto supuña dos areais. No concreto, a construción dun edificio de catro andares acarón dunha praia que está localizada, cumpre lembrar, acarón dun importante castro. 

O nudismo deixou de estar punido no Código Penal en 1989

A lexislación sobre o nudismo mudaría en 1989. Así, ir en cirolas á praia deixou de constituír un delito embora non o "escándalo" e o "desorde público". As administracións locais pasarían a regular esta práctica e mesmo tentarían acoutala ao máximo como aconteceu cos gobernos de Barcelona, Cádiz ou Valladolid con ordenanzas que, no entanto, non chegarían a aprobarse após as mudanzas no panorama político acontecidas nas municipais de 2015. 

A pioneira loita levada a cabo na Galiza a prol do nudismo e en defensa do territorio permitiu que na actualidade se conten por ducias as praias nas que se permite. De facto, a Federación Española de Naturismo (FEN) cifra en por volta de 60 o número destes areais despregados, aliás, por todo o noso territorio. 

Alén da Praia de Area Longa no Castro de Baroña e da de Barra en Cangas, tamén se atopan a de Cambouzas en Arteixo, a dos alemáns en Foz, o Caolín no Vicedo, a de Figueiras nas Illas Cíez, a de Marín en Miño ou algunhas calas na Illa de Arousa. 

Que si, que tamén se pode gozar da praia de corpo nu. 

No número 8 do Caderno de Verán que acompañaba o semanario 154, Sermos Galiza publicou Nudismo en Galiza: os paraísos orixinais de Belén Puñal.  [Imaxes Coordenadora Nudista Ecolóxico Radical]