Gastronomía

Se gostas do requeixo e do mel tes unha cita nas Neves

[Imaxe: Páxinas Galegas]

Como cada ano As Neves acolle o Venres Santo a Feira do Requeixo e do Mel, unha cita gastronómica declarada Festa de Interese Turístico e que leva aparelladas actividades para crianzas.

As Neves celebra o Venres Santo a Feira do Requeixo e do Mel, cita gastronómica con actividades lúdicas e obradoiros didácticos para as crianzas. Declarada Festa de Interese Turístico, a feira encetará ás 10.30h coa actuación do grupo tradicional A Barca de Loimil. Ás 11.30h será a recepción oficial no Concello e ás 12h, dará comezo a lectura do pregón, que correrá a cargo do prestixioso chef galego Pepe Solla. Ás 12.30h iniciarase a degustación do delicioso requeixo con mel.

Ás 17h as crianzas poderán gozar do espectáculo infantil a cargo de Peter Punk e poderán participar en diversos obradoiros didácticos. A xornada, que concluirá ás 21h, será amenizada polo grupo Ronco & Fol.

Aliás, ás 21h da quinta feira, 13 de abril, actuará o grupo Malvela no Auditorio Municipal. Nos últimos días o Concello das Neves acolleu unha programación diversa para conmemorar a Feira do Requeixo e do Mel, que ten no Venres Santo o seu día central.

A Sociedade Cooperativa Condado Paradanta prepara para a feira 20 mil bólas de requeixo

A Sociedade Cooperativa Condado Paradanta prepara para a feira 20 mil bólas de requeixo, que se poderán degustar con mel, azucre, marmelada de froitos do bosque, así como a crema de requeixo, unha recente creación do asesor gastronómico Fran Sotelino, elaborada con chocolate branco e vainilla.

Un produto exquisito

O requeixón das Neves é un dos máis cotizados do país. Elaborado con leite enteiro de vaca sen sal engadido, adoita degustarse acompañado de mel. Mais non só. Trátase dun produto moi versátil que ofrece múltiplas posibilidades para cociñar todo tipo de pratos. Aliás, a comarca do Condado-Paradanta, e en especial o Concello das Neves, sempre foi unha zona de forte tradición apícola pola súa flora melífera.