MAPA | O 'Gordo' da Lotaría de Nadal cae en sete municipios galegos e reparte máis de 360 millóns de euros

Sorteo extraordinario da lotaría desta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Na Coruña e Cambre repartiuse a meirande parte do premio.

O número 05490 (5.490), agraciado co 'Gordo', o primeiro premio do sorteo extraordinario da Lotaría de Nadal, dotado con 4.000.000 euros á serie, deixou unha choiva de millóns na Galiza, en especial na localidade da Fonsagrada e na cidade da Coruña.

O número fíxose esperar, foi cantado ás 11.21 horas no segundo arame da táboa quinta e, á fin, encheu de sorte á Galiza, que até ese momento só recibira dous décimos dun quinto premio.

En total, este número repartiu no país 361.600.000 euros, principalmente na cidade da Coruña, onde a administración da avenida de Barcelona vendeu 45 series —180 millóns de euros— e na Fonsagrada, onde a administración número un repartiu outros 180 millóns. Aliás, vendeuse un décimo en Noia, outro no Porriño, outro en Poio e un en Vigo. Tamén levou unha boa proporción do premio o Gaucho Díaz I, en Cambre.

Cada décimo está dotado con 400.000 euros. Este ano, a emisión consta de 180 series, oito máis que en anos anteriores cando había 172 series, de 100.000 números cada unha. Dita emisión ascende aos 3.600 millóns de euros, dos que se reparte 70% en premios, é dicir, que se repartirán 2.520 millóns de euros.

Entre os premios do sorteo destacan o coñecido como 'Gordo' de Nadal, de 4 millóns de euros a serie —400.000 euros o décimo premiado—; o segundo premio, de 1.250.000 euros a serie —125.000 o décimo—; ou o terceiro, de 500.000 euros a serie —50.000 o décimo—. Tamén se reparten dous cuartos premios, de 200.000 euros a serie —20.000 o décimo— e os oito quintos, de 60.000 euros a serie —6.000 euros o décimo—.

Un cuarto premio

O número 25.296 resultou agraciado co segundo dos dous cuartos premios, dotado con 200.000 euros a serie. Vendéronse 18 series en Bueu, onde deixou 3,6 millóns de euros, e tocou tamén noutros municipios galegos como Vigo —con tres décimos—, A Illa —un— e Tui —un—.

Aliás, vendeuse un décimo en Xinzo e outro en Ourense, agraciados con 20.000 euros cada un. O número foi cantado ás 12.46 horas no décimo arame da sétima táboa.

Dous quintos premios

O número 88.509, vencedor do terceiro dos oito quintos premios do sorteo, dotado con 60.000 euros a serie, foi vendido parcialmente en Vigo e A Illa de Arousa. O número foi cantado ás 11.10 horas no décimo arame da cuarta táboa.

Este número foi vendido fundamentalmente nunha administración de Barcelona, mais tamén deixou un petisco na Galiza. En concreto, foi vendido un décimo na administración da Avenida das Camelias 110 de Vigo e outro na da Travesía do Cruceiro da Illa de Arousa.

Aliás, o número 87.092 resultou agraciado co último dos oito quintos premios, dotado tamén con 60.000 euros a serie. Deixou tres millóns de euros en Santiago de Compostela e un décimo vendido en Xinzo de Limia, A Illa de Arousa e Vigo, e foi cantado ás 12.45 horas no décimo arame da sétima táboa. Entre as administracións que repartiron máis sorte deste número está a situada na praza de Cervantes de Santiago, que vendeu 50 series do 87.092.

Resultados finais

  • Primeiro premio: 05490
  • Segundo premio: 04074
  • Terceiro premio:: 45250
  • Cuartos premios: 54289, 25296
  • Quintos premios: 62391, 43696, 88509, 38454, 24492, 79138, 36142, 87092