González Guerra e Ogando, premios Cidade de Pontevedra

Victoria Ogando recolle un premio da Xunta, hai uns anos. (Foto: Xunta da Galiza)
O xurado deste galardón acordou por unanimidade as persoas e institucións -o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro- que recibirán este recoñecemento.

O xurado dos Premios Cidade de Pontevedra 2021 acordou por unanimidade que as persoas galardoadas desta edición sexan a mestra e mestre xubilados Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra; e o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro na categoría de persoa xurídica.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura en Pontevedra, Carme Fouces, referiuse á escolla das persoas e entidade gañadoras como “unha situación amábel, seguindo as bases destes premios, deseñadas para que todas as persoas, asociacións, prensa e organizacións políticas poidan estar de acordo en algo tan importante como son estes premios”.

As galardoadas recibirán a condecoración o próximo día 20 de xaneiro.

Anxo González e Vitoria Ogando acadaron o Premio Cidade de Pontevedra ex æquo. “Alén do consenso unánime que os leva a ser galardoados co premio, Anxo e Vitoria forman parte desta sociedade e cidade desde hai 40 anos, sempre amosando un esforzo enorme polo ensino e a mellora da nosa lingua como dá boa conta disto a plataforma ogalego.eu”, sinalou Fouces. 

En canto ás outras dúas candidaturas que non conseguiron o premio, a concelleira asegurou que, “por suposto Carme Quinteiro e Nené González eran grandes merecedoras tamén do Premio Cidade de Pontevedra, mais este ano irá para Anxo e Vitoria”.

Pola súa parte, o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro foi o premiado na categoría de persoa xurídica.

Fouces reivindicou que esta entidade “é unha enorme merecedora dos premios Cidade de Pontevedra porque o traballo que leva feito ao longo dos últimos anos, a súa proxección internacional lograda no último ano, e todo o que achegou ao deporte de base e competición xustifica a súa elección”.