Sentenza do TSXG

Golpe á dirección da CRTVG: as redactoras non terán que editar vídeo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir unha sentenza que anula a decisión unilateral da CRVTG de poñer as súas redactoras e redactores a editaren vídeo ao entender que se trata dunha modificación substancial de carácter colectivo das súas condicións de traballo. A medida afecta 186 traballadoras e traballadores.

O TSXG emitiu este 20 de febreiro unha sentenza que bota por terra a decisión da dirección da CRTVG de poñer as súas redactoras e redactores a faceren un labor de edición básica de vídeo ao entender que se trata dunha modificación substancial de carácter colectivo das condicións de traballo.

 

“Con este fallo o Tribunal considera probado que a CRTVG vulnerou o procedemento estabelecido no artigo 41.4 do Estatuto de Traballadores, que estabelece a obrigatoriedade de abrir un período de consultas coa representación sindical antes de aplicar decisións unilaterais deste calibre”, sinalan as seccións sindicais da CUT e da UXT nun comunicado de imprensa.

 

“A dirección da CRTVG sempre teimou en que impoñerlle ao persoal de redacción as funcións de edición (historicamente desenvolvidas na canle pública polas operadoras e operadores de vídeo) non representaba unha modificación substancial das súas condicións laborais, facendo caso omiso das advertencias realizadas polas seccións sindicais da CUT e a UXT na CRTVG”, acrecentan as representantes das traballadoras e traballadores.

 

O fallo, contra o que cabe recurso no Tribunal Supremo, recoñece que o argumento da CRTVG, que apelaba a un cambio tecnolóxico para aplicar esta medida “non está xustificado e representa de facto unha modalidade funcional descendente”, advirten os sindicatos, que urxen a dirección a acatar “de inmediato” a sentenza polo prexuízo que causa ás afectadas e afectados. En declaracións a Sermos Galiza, Raimundo Méndez (UXT) asegura que están prexudicadas 186 redactoras e redactores.