Golpe á Cidade do Celta: Un xulgado obriga o Concello de Mos a revisar a licenza dos campos e anula a dos vestiarios

Adestramento do Celta (Imaxe: RC Celta)

O xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra estimou un recurso interposto pola Comunidade de Montes de Tameiga e ordenoulle ao Concello de Mos a revisar de oficio a licenza outorgada en 2018 ao Real Club Celta para construír os campos de adestramento na parroquia de Pereiras, á vez que declarou nula a licenza concedida en 2019 para a construción duns vestiarios e outras instalacións auxiliares nese mesmo complexo.

Así, a xuíza sinalou na súa resolución que, aínda que o Concello de Mos, gobernado por Nidia Arévalo (PP), non incorreu en ilegalidade por non inscribir no Rexistro da Propiedade a superficie esixíbel á construción e os seus usos (un dos argumentos utilizados polos comuneiros), si que se produciu un "vicio de nulidade susceptíbel de provocar a admisión a trámite dunha solicitude de revisión de oficio" da licenza, como reclamaron os recorrentes.

Nese sentido, o xulgado razoa esta posición polo feito de que as instalacións construídas polo Celta (un campo de fútbol dobre de 16.576 metros cadrados cun aparcadoiro de 5.500 metros cadrados, ao que habería que sumar os vestiarios) non son unhas meras instalacións deportivas ao aire libre, que poderían executarse cunha licenza directa.

Equipamento deportivo privado

A maxistrada sinala que esas actuacións responden a un equipamento deportivo privado e, para que se autorice a súa execución en solo rústico, debe elaborarse previamente un Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, algo que, neste caso, non se fixo.

A maxistrada indica que o proxecto autorizado finalmente, como resultado deses dous acordos, "ten un alcance ou entidade moi superior ao que se entende por implantación en solo rústico dun campo de fútbol cuns vestiarios (mínimos, pequenos, necesarios para o uso da instalación orixinaria)". Así, subliña que "encaixa, máis fácil e claramente, no que se denomina 'equipamento deportivo'" privado.

"Observadas, na súa xusta dimensión, todas as obras con motivo de cada un deses dous acordos, constituirían un resultado final conxunto, un todo, que se viu licenciado/autorizado nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación (Lei do Chan de Galicia)", recolle a sentenza.

Precisamente, tendo en conta que as actuacións forman un conxunto, o xulgado entende que debe anularse o acordo de xunta de goberno que outorgou a segunda licenza, para a construción dos vestiarios e instalacións auxiliares.