Feijóo deixou sen executar nos seus 6 anos de goberno o 42% do orzamento para vivenda

Entre 2013 e 2014 case 5.000 galeg@s perderon a súa morada. Porén, a Xunta recorta en partidas para alugueiros ou vivenda protexida.

 

Desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galiza, en 2009, foron orzamentados 671 millóns de euros en materia de vivenda, unha cifra da que ficaron sen executar 285 millóns de euros, o que representa o 42%. Catro de cada dez euros sen implementar. As cifras expuxéronse no Parlamento de Galiza polo grupo parlamentar socialista, que lembrou que o número de desafiuzamentos supera os 5.000 casos entre 2013 e 2014, “das que foron realoxadas pola Xunta 43 familias”. Só entre xuño e setembro de 2014, apenas catro meses, foron 439 as familias que perderon a súa morada en Galiza, o que supón máis dun cento cada mes.

“Mentres pasa isto, entre 2011 e 2014 o orzamento da Xunta para axudas de aluguer pasou de 11 a 4 millóns de euros, ao que hai que engadir que a vivenda pública en réxime de aluguer só supón o 0,2% do total de vivendas ocupadas, fronte ao porcentaxe do 50% que hai en cidades como Viena”.

Plan de Vivenda

En setembro de 2014 asinouse o Plan Vivenda 2013-2016, polo que Galiza recibirá 46 euros por habitante, fronte aos 57 euros de media no Estado español ou os 61 de Asturias, 99 de Aragón e 117 da Rioxa.
Na Galiza a cifra de vivendas baleiras anda por volta das 300.000. Unha cifra que representa perto do 19% do total das existentes no noso país e que son 1.606.001. É a porcentaxe máis alta de todo o Estado español.