O Goberno estuda baixar a corentena por coronavirus de 14 a 10 días

O director do Centro de Coordinacion de Alertas, Fernando Simón (Foto: Europa Press)

Así o adiantou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen informou de que hai cada vez "máis evidencia científica sólida" de que as persoas con síntomas leves de  Covid-19 deixan de transmitir a enfermidade a partir de sétimo día, polo que, de ser así, a corentena poderíase reducir aos 10 días.

As autoridades sanitarias españolas estudan rebaixar o período de corentena dunha persoa infectada polo novo coronavirus de 14 a 10 días, logo de que o recomendara a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Así o adiantou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen informou de que hai cada vez "máis evidencia científica sólida" de que as persoas con síntomas leves de  Covid-19 deixan de transmitir a enfermidade a partir de sétimo día, polo que, de ser así, a corentena poderíase reducir aos 10 días.

"Hai cada vez máis evidencia de que a partir do día sete os casos leves non transmiten a enfermidade e, ademais, recomendouno a OMS", argumentou Simón, para informar de que a corentena de 14 días estabeleceuse segundo a evidencia científica obtida co coronavirus  SARS 1.

Neste sentido, o experto recoñeceu que este asunto foi discutido en varios órganos internos do Ministerio de Sanidade, e continúa a estudarse co obxectivo de saber que opción é "máis segura" e máis pode favorecer ao control da epidemia no Estado español.

Con todo, comentou que é "posíbel" que se cambie a recomendación de permanecer 14 días en corentena a 10 días. "É posíbel que se modifique porque é moi probábel que o contaxio nos casos leves non se produza a partir do sétimo ou décimo día", resolveu.

Finalmente, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias referiuse á obrigatoriedade, unha vez finalizado o estado de alarma, de usar as máscaras en lugares públicos, insistindo en que é un "método máis de control" do virus. "A mellor máscara son dous metros de distancia", resolveu.