O Goberno estatal quere restrinxir toda información que non proceda del

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, nunha rolda de prensa pola crise da COVID-19 (Moncloa)
As últimas decisións do Goberno español  anunciadas para enfrontarse á crise sanitaria provocada pola COVID-19 comezan a ser criticadas por atentar contra dereitos fundamentais. Liberdade de información e expresión, xunto a protección de datos, son algúns dos dereitos que se atopan en perigo.

Os pasos que está a dar o Goberno español en relación á loita contra a COVID-19 poderían entrar en conflito con dereitos fundamentais como o dereito á información e á protección de datos. Xa están en marcha aplicacións para controlar os movementos da poboación e unha das preguntas da última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) abría a porta a que a única voz oficial fose a do Executivo de Pedro Sánchez.

A enquisa que deu a coñecer esta cuarta feira o CIS incluía unha pregunta que cuestionaba de maneira directa toda información que non procedese de fontes gobernamentais: "Cre vostede que a información que está a dar o Goberno sobre a COVID-19 é suficiente ou gustaríalle a vostede ter máis información?". A resposta maioritaria da enquisa (66,7%) apoiaba restrinxir toda información que non viñese do propio Goberno.

Críticas ao CIS

O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, afirma a Nós Diario que "a liberdade de expresión é un dereito fundamental que non pode estar sometido a control previo". Matiza que "non é obstáculo para que se investigue a difusión pública daquelas expresións que poidan constituír delitos de odio, ou poñer en perigo a convivencia". O deputado no Congreso considera que "as enquisas dunha institución pública deben estar rexidas exclusivamente polo interese público" e que deben "recoller o estado de opinión sobre determinados debates públicos, pero non abrilos". O xefe de filas de Podemos, Pablo Iglesias, apoiou no día de onte, nunha intervención en La Sexta, o CIS, derivando o debate ás críticas contra a "ultradereita mediática".

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, apunta que a pregunta "vai na mesma liña das declaracións do ministro do Interior, cando afirmaba que rastreaban opinións perigosas, non necesariamente delitivas, nas redes sociais: son actuacións que representan un risco para as liberdades públicas".

"Aínda que haxa moita xente que entenda que en relación  coa COVID-19 é necesario que haxa información veraz, ese mesmo criterio pode aplicarse a calquera outro ámbito da vida ou da actividade política ou social, porque en todas elas existen manipulacións, deturpacións e informacións falsas". "Hai que dar os criterios adecuados para que a sociedade saiba distinguir as informacións verdadeiras das falsas e aprenda a contrastar as informacións antes de crelas, mais non a que as informacións sexan exclusivamente de fontes oficiais", afirma Néstor Rego.

"Vea autoritaria" no Ministerio do Interior

O propio ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, non descartaba a aplicación da xeolocalización dos móbiles para controlar os desprazamentos da poboación no estado de alerta. Xuristas como Alba Nogueira afirman que este tipo de medidas chocan cos dereitos á intimidade e á protección de datos. "Creo que no Ministerio de Interior estalles a saír a vea autoritaria un pouco demasiado arriba", advirte a catedrática da USC, que asegura que o "Goberno ten, neste momento, ferramentas de excepción que lle permiten uns amplísimos poderes de actuación, mais non é conveniente forzar as cousas até o punto de que os dereitos fundamentais sexan unha sombra do que deben ser". Apunta que o estado de alarma "non ampara a suspensión de dereitos fundamentais como o dereito á intimidade". Para iso "terían que facer unha lei orgánica ou declarar o estado de excepción".

Desde o Observatorio para os Dereitos e as Liberdades Esculca analizan a orde publicada o 27 de marzo no Boletín Oficial do Estado (BOE). "Por un lado crea unha aplicación para controlar a situación de doentes no territorio a través dun cuestionario de autoavaliación e por outro a través de xeolocalización en masa da poboación", asegura Fernando Blanco, avogado desta entidade, a Nós Diario. En todo caso, Esculca alerta da plataforma conxunta de Google e Apple que poría a disposición dos Gobernos a situación das persoas infectadas. "Tería un sistema de localización por  bluetooth aínda que non o teñamos activado", explica o avogado.