Goberno estatal limita as probas da COVID-19 pola falta de medios

O director da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhano, instou a unha política de "test, test, test" (Imaxe:Roberto Pfeil).
A Organización Mundial da Saúde instou os Estados a realizaren probas de detección da enfermidade COVID-19 para unha contención eficaz. Porén, o Estado español limitou a súa realización nos últimos días, restrinxíndoa ao persoal sanitario e aos casos máis graves, e ficando lonxe de exemplos como o de Corea do Sur, onde o Goberno levou a cabo probas masivas na poboación para atallar así os contaxios. 

Probas de detección, illamento e rastreo dos casos son, segundo o director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhano, a "columna vertebral" das medidas para facer fronte á expansión do brote da COVID-19. 
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Tedros Adhano celebrou que diferentes Estados apostasen por decretar medidas de illamento.

Porén, matizou, a organización non está a percibir o necesario e "urxente" aumento da realización de probas para a detección. "Test, test, test (probas, probas, probas)", urxiu o director da OMS. 

Ralentización das probas

Porén, ao tempo que Tedros Adhano partillou a súa mensaxe, o Estado español ralentizou o ritmo das probas, limitándoas ao persoal sanitario e a aquelas persoas hospitalizadas ou que presentasen criterios para o ingreso.

"Até onte, estábanse facendo probas a aquelas persoas que presentaban a sintomatoloxía, isto leva consigo unha loxística moi importante que tivemos que retrasar pola prioridade básica de tratar os casos máis graves", explicou onte perante os medios de comunicación Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Simón ligou esa mudanza no protocolo á  elevada carga existencial dos servizos sanitarios nos últimos días, froito dun aumento do número de casos detectados.

Na Galiza, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aclarou que a idade é un factor chave á hora de decidir a quen se lle practica un test da infección por coronavirus a domicilio. Outro, que a persoa que presente síntomas traballe nun servizo público.

"A media é de tres ou catro días para realizar o test", apuntou Núñez Feixoo, matizando que poden existir casos de esperas máis longas pois "priorízanse as persoas maiores". Na Galiza, segundo os datos tirados do Servizo Galego de Saúde, o Sergas, a 17 de marzo, realizou un total de 2.099 probas. 

Casos latentes

A medida de confinamento decretada a través do estado de alarma tomouse para evitar o aumento dos contaxios. Non obstante, o propio Goberno estatal explicou que o número de casos detectados aumentará.

Un estudo da revista Science determinou que un número substancial de persoas sen diagnosticar provoca unha expansión máis rápida da COVID-19. É dicir, a clave radicaría na realización preventiva e máis xeneralizada de test a toda a poboación para asegurar a prevención.

O 26 de febreiro, a Generalitat de Catalunya confirmou o primeiro caso de contaxiou por coronavirus en territorio peninsular. Desde entón e até a fin de semana do 14 de marzo o Goberno non restrinxiu a mobilidade da poboación e realizou test a aquelas persoas que presentaban síntomas.

En Corea do Sur, reportouse o primeiro contaxio o 20 de xaneiro e desde entón púxose en marcha unha agresiva campaña de detección e prevención. Na provincia na que se iniciou procedeuse ao peche de escolas infantís e prohibíronse as aglomeracións, instrucións que acatou toda a poboación. 
Realizáronse  máis de 200.000 probas, minimizando así os focos de contaxio. Se ben durante semanas o número de afectadas escalou, as medidas cristalizaron nunha taxa de mortalidade de 0,8% e a redución da expansión.

"É certo que se deixamos varios puntos de transmisión sen detectar van rematar xerando esa porcentaxe de casos graves que coñecemos", recoñeceu Pedro Simón, cuestionado polo estudo e matizando que "é moi probábel que isto acontecese en Wuhan (China), Italia ou nalgunhas áreas do Estado español".