O Goberno estatal "estuda" aínda se implantar o tren de proximidade
A nova estación de Santiago de Compostela-Daniel Castelao quedou inaugurada esta cuarta feira após un acto protocolario no que participaron, entre outros, o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostíbel, José Antonio Santano; a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco; ou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González.
O secretario de Estado, no seu discurso, sinalou o investimento de 53 millóns de euros nesta infraestrutura (41 millóns no novo edificio e 12 millóns na adaptación ao servizo de alta velocidade).
Pola súa parte, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín pediu que nos próximos anos "os trens que agora nos levan e nos traen veloces até a capital do Estado tamén nos comuniquen coas vilas que temos ao redor, que nos conecten, porque non, con Lugo, ou mesmo con Francia, pasando pola Mariña".
Precisamente, preguntado por Nós Diario sobre o calendario de implantación dos trens de proximidade na Galiza –cuxa carencia deixa o país en desventaxa fronte a outros territorios da península que se benefician de maiores descontos para as viaxeiras frecuentes do transporte ferroviario–, Santano asegurou que contarán co resultado do informe previo a principios de 2026 para contar cos datos que lles permitan "adaptar a oferta á cidadanía" coa idea de que "deixe o coche na casa e empregue o tren".
Ademais, sinalou que "aínda que non sexan estritamente proximidade e sexan medias distancias, queremos facer o que nos comprometemos a facer".
Viaduto Tui-Valença
Sobre a conexión ferroviaria con Portugal, vén de coñecerse que o novo viaduto entre Tui (O Baixo Miño) e vila portuguesa de Valença superará os 4,3 quilómetros, o máis longo da península, e situarase ao leste do actual, á altura da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei.