O Goberno español responde ás críticas pola falta de prazas nos trens galegos pedindo o "uso responsábel" dos abonos gratuítos

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, e a subdelegada na Coruña, María Rivas, nun acto en Betanzos xunto á alcaldesa, María Barral. (Foto: Europa Press?
O Executivo estatal abriu a porta a aplicar sancións a aquelas persoas que empreguen o abono e non fagan uso das prazas.

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, pediu que se faga un "uso responsábel" dos abonos gratuítos para viaxar en tren, implantados polo Executivo estatal, en resposta ás queixas de usuarios e usuarias pola falta de prazas nos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e do Corredor Avant Ourense-A Coruña.

"Non é un problema de prazas se non de reserva de prazas que quedan baleiras", asegurou a preguntas dos xornalistas. Miñóns tamén afirmou que xa se fixo un reforzo de "14.000 prazas, con novas frecuencias e recuperando liñas como a de Ourense-Santiago de primeira hora".

"Que teñamos eses problemas en certas frecuencias demostra que a medida foi ben acollida, masivamente a xente está a coller os abonos", sinalou o delegado territorial. Con todo, asegurou que se trata dunha medida "nova" coa que se está "aprendendo".

Miñóns insistiu na "responsabilidade" das persoas usuarias dos servizos de Renfe, e pediulles "non acumular viaxes nas frecuencias máis demandadas. En canto a aquelas persoas que non fan uso das prazas, aínda tendo o abono, non descartou a posibilidade de aplicar sancións. "Pero de momento imos buscar a responsabilidade da xente", insistiu.

Descontos no autobús

O delegado do Goberno español na Galiza fixo participou esta segunda feira nun acto en Betanzos, no que reivindicou os descontos do Executivo estatal nos billetes de autobús, activados desde o pasado 1 de setembro no transporte público terrestre, e destacou o "aforro para as familias".

Neste sentido, valorou o impacto desta decisión na Galiza pola dispersión da poboación e a existencia de 3.400 liñas interurbanas. Miñóns puxo en valor o desconto de 50% do prezo do billete do que gozan as persoas usuarias, do que 30% está custeado polo Goberno español e 20% restante é complementado pola Xunta.

"O Goberno estatal está a sufragar a maior parte do desconto nestes transportes que son de competencia e titularidade autonómica", recalcou, para despois agradecer á Xunta a súa “colaboración”, ao tempo que lle demandou transparencia e lealdade institucional.