O Goberno español non descarta demoler por completo o viaduto afectado da A-6, en situación "moi inestábel"

Vista xeral dos vanos caídos na A-6. (Foto: Alberto Vázquez/Nós Diario)
A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, visitará esta tarde a zona.

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, recoñeceu a situación "moi inestábel" do viaduto de O Castro, na A-6, entre a Galiza e Castela e León, despois de que esta quinta feira colapsase outro vano da ponte.

Miñóns pediu "tranquilidade" á poboación, mais admitiu que se trata dun "tema grave".

O delegado do Goberno español na Galiza evitou facer "hipótese" sobre as medidas que adoptará o Executivo estatal, mais non descartou unha posíbel demolición de todo o viaduto, como apuntan desde as últimas horas fontes ministeriais en diferentes medios locais.

A preguntas dos xornalistas, antes de participar nun acto na Confederación de Empresarios da Coruña, dixo que se segue traballando "no máis importante, en esclarecer o ocorrido", ao tempo que salientou as inspeccións que realizadas neste tipo de infraestruturas, que permitiron "detectar os problemas no cableado" polo que este tramo leva pechado case un ano. 

Após producirse o segundo colapso do viaduto no día de onte, Miñóns púxose en contacto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para coordinar a xestión da situación.

Visita da ministra de Transportes

Nove días despois de que caíse o primeiro vano da A-6, o delegado do Goberno español anunciou que esta tarde a ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, desprazarase até a zona.

Preguntado por se haberá un grupo de traballo con presenza da Xunta, como solicitaron desde o Executivo galego, en relación á investigación do ocorrido e a análise das causas, dixo que manterán desde o Goberno español un "contacto directo".

En canto a se considera necesario unha investigación xudicial, apuntou que deben ir "paso a paso". "Primeiro é estudar con detalle o ocorrido, saber cales son as causas e, en función desas causas, tomaranse as decisións oportunas, se é necesario recorrer a esa vía xudicial ou non".

Miñóns, sobre a cuestión de se o Goberno español mantén a intención de abrir este verán o viaduto dirección Madrid, indicou que "o obxectivo é facelo canto antes, o primeiro é a seguridade", volveu a recalcar.