Case un ano despois do naufraxio, o Goberno español licita os traballos para localizar o 'Vila de Pitanxo'

Familiares de vítimas do naufraxio do 'Vila de Pitanxo', nunha protesta diante da sede da Valedora do Pobo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Baixarase ao casco do buque naufragado en febreiro do pasado ano para procurar indicios que axuden a coñecer as causas. 

O Goberno estatal vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio da licitación dos traballos para localizar o pecio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo e rexistrar o seu estado actual, co obxectivo de que estas imaxes axuden a coñecer as causas do sucedido. Este anuncio prodúcese case un ano despois da catástrofe, ocorrida na madrugada do 15 de febreiro de 2022 a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), onde perderon a vida 21 dos 24 mariñeiros que traballaban no buque.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana estima que o valor do contrato roldará os 3 millóns de euros para buscar, localizar e inspeccionar o casco do barco. A propia contratación recolle que a intención é apoiar "a investigación do accidente que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim)".

Todo iso despois de que as familias dos falecidos insistisen durante meses na importancia de baixar ao pecio para atopar probas das causas do accidente. A pesar de que nun primeiro momento o Executivo dixo que cabía esperar até que o solicitasen os investigadores, finalmente así foi.

Agora as familias aplauden esta decisión, malia que consideran que xa se puido levar a cabo o verán pasado, debido a que o mal tempo na zona obrigará a que a operación se produza na tempada estival e non nos próximos meses.

"Levamos moito tempo esperando por isto. É un paso para que se consiga finalmente a adxudicación a unha empresa que poida baixar en 2023. Non puido ser en 2022, pero este ano poderase baixar ou obter todas as probas que poida haber tras un ano", indicou a portavoz dos familiares, María José de Pazo, quen tamén tivo palabras de agradecemento cara a todas as persoas que se involucraron neste proceso e esperou que esta operación poida concretarse "en tempo e forma".

Causa xudicial

Tras o naufraxio do pesqueiro galego en febreiro do ano pasado, iniciouse unha causa xudicial para pescudar que provocou o tráxico accidente, logo de que un dos sobreviventes, Samuel Kwesi, ofrecese unha versión que contradí a exposta previamente polo capitán do barco, Juan Padín, e mais o seu sobriño, Eduardo Rial, os outros dous sobreviventes.

A Audiencia Nacional decidiu investigar o caso e, tras escoitar aos tres, o xuíz Ismael Moreno prohibiu saír de España a Padín, que está a ser investigado ao apreciarse indicios de 21 homicidios por imprudencia.