20 anos do 'Prestige'

O Goberno español homenaxea en Camariñas a “marea solidaria” contra o chapapote

Isabel Rodríguez, no centro.

A ministra de Política Territorial e portavoz do Executivo estatal e o presidente da Deputación da Coruña participaron nos actos nesta vila da Costa da Morte.

O concello de Camariñas, na Costa da Morte, acolleu este domingo un acto de recordo do 20 aniversario da traxedia do Prestige, que fai este 13 de novembro dúas décadas.

Durante o acto, que acolleu unha homenaxe ao coordinador do dispositivo de limpeza en Camariñas, os participantes reivindicaron a "marea de solidariedade" que provocou o afundimento do petroleiro e a súa vertedura de fuel, mais instaron as autoridades a "non baixar a garda".

 "Sentiamos moita incerteza polo que ía pasar, moito medo, sobre todo economicamente", comentou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua -que daquela tiña 26 anos-, antes de recibir ao resto de personalidades políticas que acudiron ao acto como a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez; o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns; e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Máis aló da traxedia, a alcaldesa incidiu na "marea humana que invadiu A Costa da Morte". "Non sabiamos nin que facer con tanta xente, como darlle para comer ou onde hospedala", sinalou, após o que reiterou o seu "enorme agradecemento" aos voluntarios e a todos os veciños das zonas afectadas.

Nos mesmos termos expresáronse o resto de autoridades, que remarcaron que esa "vontade" de axudar representa "o mellor do país", "a dignidade". "Os voluntarios que acudiron de todas as partes de España e de todas as partes do mundo representan a solidariedade cidadá", afirmou a ministra portavoz, que lembrou ademais que a 'marea branca' supuxo a "primeira gran manifestación social que xurdiu no noso país con motivos ambientais".

 "Agora temos novas ferramentas postas en marcha contra este tipo de cousas, grazas a un Goberno para o que o ecoloxismo e as políticas de loita contra o cambio climático son unha política de Estado", destacou Rodríguez.

Sobre os medios dispoñíbeis tamén opinou o presidente da Deputación coruñesa, que indicou que, dada a cantidade de sinistros como o do Prestige ocorridos fronte ás costas galegas, "debería reflexionarse sobre os medios que había na Galiza, que eran insuficientes".

Formoso tamén instou as Administracións a loitar contra os "piratas do mar, que agora non levan parche nin pata de pau", senón que "teñen despachos en Suíza e Luxemburgo e conducen mercedes" e que "campan ás súas anchas pola protección fiscal da que gozan, contaminando e facendo dano á costa".

Por último, o responsábel da Deputación coruñesa mostrouse moi crítico coa xestión da catástrofe por parte dos Gobernos galego e español do momento, en mans do PP. "Un Goberno non debe aplicar a mentira nin a manipulación cando veñen mal dadas. Non se pode esconder, hai que afrontar as cousas con transparencia", aseverou.