O Goberno español autoriza o estudo de impacto ambiental de Endesa para o desmantelamento da central das Pontes

Central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press)
Segundo Endesa,  o desmantelamento da central térmica  producirá case 400.000 toneladas de residuos, entre pedra (313.783 toneladas) e metais (case 68.000 toneladas). Tamén se inclúen 3.500 toneladas de residuos perigosos, dos que o elemento maioritario é o amianto (3.470 toneladas).

O Goberno español autorizou nesta segunda feira o estudo de impacto ambiental elaborado por Endesa para o desmantelamento da central térmica do concello das Pontes, a pesar de estar aínda pendente o peche definitivo.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a resolución do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), pola que se aproba o informe encargado pola empresa enerxética para o proxecto de desmantelamento da planta.

A empresa enerxética agarda poder desmantelar a central térmica nun período de 60 meses, durante o que decorrerán os traballos, que estarán divididos en tres fases: o desenvolvemento das infraestruturas precisas para a realización das obras, as tarefas de limpeza e preparación previa ao desmantelamento e, finalmente, a propia demolición da instalación.

O proxecto presentado inclúe o desmantelamento e demolición de todas as estruturas, edificacións e instalacións sobre rasante, dentro da parcela onde se sitúa a planta; mais Endesa resérvase o dereito de gardar as estruturas que poidan destinarse "para usos posteriores" que "teña previsto desenvolver", instalacións comúns coa central térmica de ciclo combinado das Pontes e instalacións "pertencentes a terceiras empresas como a rede de evacuación eléctrica".

Datos do desmantelamento da central térmica

Segundo o informe de impacto ambiental elaborado por Endesa, o desmantelamento da central térmica das Pontes producirá case 400.000 toneladas de residuos, entre pedra (313.783 toneladas) e metais (case 68.000 toneladas). Tamén se inclúen 3.500 toneladas de residuos perigosos, dos que o elemento maioritario é o amianto (3.470 toneladas).

Así mesmo, as obras suporán un consumo de auga de 6.750 metros cúbicos durante os 60 meses que duren as obras. A auga procederá da rede de abastecemento municipal. Segundo a declaración de impacto ambiental aprobada polo Executivo estatal, "non se localizou ningunha captación nin pozo que puidese verse afectada polo proxecto", xa que "a máis próxima ás instalacións corresponde á propia planta".

Ademais, a avaliación de Endesa estabelece que non existen especies protexidas, nin fauna nin flora, que poidan verse afectadas pola execución das obras.