O Goberno español estuda regularizar a situación dos 2 inmigrantes que tentaron axudar Samuel Luiz

Amigas de Samuel cun dos senegaleses

O delegado do Goberno na Galiza insiste en que a investigación segue aberta e "será o xulgado" o que determine se houbo un delito de odio

A Secretaría de Estado de Migracións vai regularizar a situación dos 2 senegaleses que tentaron axudar Samuel Luiz durante a mortal malleira na madrugada do sábado 3 de xullo na Coruña.

Así o confirmou o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones, en declaracións aos medios durante o acto de entrega das Medallas ao Mérito Civil na cidade herculina. E posteriormente o Consello de Ministros deu o visto bo a esa pretensión. 

"Esperamos que se poida regularizara situación (dos dous inmigrantes), porque se coñece na investigación dos feitos que foron dúas das persoas que intermediaron, ademais cun papel activo, na violenta malleira. E por tanto é un acto de recoñecemento e cremos que é de dereito", explicou, dada as actuacións "de valentía e exemplo" que tiveron na agresión.

Aínda que non entrou en detalles sobre os seus datos persoais, Miñones si confirmou que son dúas persoas orixinarias de Senegal "que non teñen papeis nin a situación regularizada" no Estado español. "E é aí onde queremos actuar para darlles esa posibilidade, como así se contempla na normativa, de que poidan ter ese permiso de traballo", agregou.

Ademais, destacou que foron as propias amigas de Samuel Luiz as que "estiveron solicitando esta posibilidade".

Por outra banda, preguntado sobre a investigación, que continúa aberta e baixo o segredo de sumario decretado polo xulgado, o delegado do Goberno insistiu en que non hai "ningunha novidade" tendo en conta que "os principais supostos autores" xa foron detidos as pasada semanas e postos a disposición da xustiza.