Saúde

O Goberno español equipara o tabaco quentado co tradicional e prohibe que conteña aromas

Un dispositivo de tabaco quentado (Foto: Ina / Adobe Stock).
Amplíase, ademais, a prohibición de comercializar produtos do tabaco con aroma característico ou que conteñan aromatizantes nos seus compoñentes -como filtros, papeis para fumar, envases ou cápsulas

O Consello de Ministras e Ministros aprobou esta terza feira equiparar legalmente o tabaco quentado co tradicional e a prohibición de que conteña aromas, á vez que obriga a que na etiquetaxe figuren as advertencias de que é prexudicial para a saúde.

Desta forma, aprobou o Real Decreto que regula determinados aspectos relativos á fabricación, presentación e comercialización dos produtos do tabaco e os produtos relacionados.

Ademais, amplíase a prohibición de comercializar produtos do tabaco con aroma característico ou que conteñan aromatizantes nos seus compoñentes -como filtros, papeis para fumar, envases ou cápsulas- ou calquera outra técnica que permita modificar o cheiro e sabor dos produtos do tabaco, así como intensificar o fume aos produtos do tabaco quentado. Ademais, os filtros, papeis e cápsulas non poderán conter tabaco, nin nicotina.

Embalaxe 

Así mesmo, retírase a excepción das obrigas de incluír unha mensaxe informativa e as advertencias sanitarias combinadas. Por tanto, as unidades de envasado e a embalaxe exterior dos produtos de tabaco quentado deberán incluír a seguinte mensaxe informativa: "O fume do tabaco contén máis de 70 substancias canceríxenas". Ademais, deberán incluír as fotografías en cor especificadas na biblioteca de imaxes do anexo II do Real Decreto 579/2017, do 9 de xuño.

O Goberno traspón así a Directiva Delegada, do 9 de xuño, que modifica a Directiva 2014/40/UE no que respecta á retirada de determinadas excepcións aplicábeis aos produtos de tabaco quentado, co fin de equiparalo aos cigarros convencionais. Este Real decreto entrará en vigor no prazo de tres meses desde a súa publicación no BOE.