O Goberno español distingue Guadi Galego co 'Meninas'

A compositora e intérprete Guadi Galego.(Foto: Nós Diario).
A artista comparte un galardón que recoñece a súa "loita pola igualdade" coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais da Galiza (Fademur), o Foro Feminista de Lugo, Xeracción Sociedade Cooperativa Galega e Paloma Rodríguez.

A Federación de  Asociacións de Mulleres Rurais da Galiza (Fademur), a artista Guadi Galego, o Foro Feminista de Lugo, Xeracción Sociedade Cooperativa  Galega e a "referente feminista" Paloma Rodríguez, a título póstumo, reciben os recoñecementos 'Meninas' pola súa loita pola igualdade, segundo o fallo publicado hoxe polo xurado presidido polo delegado do Goberno na Galiza, José Miñones.

Esta é a cuarta ocasión na que os galardóns do Executivo en materia de igualdade chegan a Galiza, neste caso con estes cinco recoñecementos e catro menciones honoríficas.

Con motivo da celebración do 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Delegación do Goberno español recoñece o “férreo compromiso” fronte á violencia machista no territorio galego.

Nese sentido, destaca que sobresae "polo seu intenso traballo" -que implica a outras 64 entidades- a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais.

Na área da Coruña os galardóns son para a artista Guadi Galego e a referente feminista Paloma Rodríguez, a título póstumo. Guadi Galego, destaca a Delegación, é unha muller "comprometida coa igualdade que utiliza a arte como transformación social e vehículo no seu compromiso contra a violencia machista.

Pola súa banda, Paloma Rodríguez tivo unha traxectoria de anos traballando polas mulleres nos que destacou "o seu compromiso continuado co feminismo e coas actividades desenvolvidas na cidade de Ferrol no ámbito da muller", de acordo co fallo.

A mención honorífica é para o fiscal delegado de violencia sobre a muller José Fernando Martínez, que leva 12 anos á fronte desta loita na Fiscalía da Coruña.

Outros recoñecementos

O Foro Feminista de Lugo é a institución recoñecida en Lugo. O xurado destaca o seu labor divulgativo do feminismo e as actividades que realiza, con faladoiros que afondan no concepto de igualdade.

En Ourense, o recoñecemento é para Xeracción Sociedade Cooperativa Galega. De acordo co fallo, esta entidade presta os seus servizos “baixo os principios de xustiza social, igualdade, responsabilidade colectiva, posta en valor da diversidade e axuda mutua”. Todo con tres piares: participación cidadá, feminismo e mediación.

Por Pontevedra, a mención honorífica recae na Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo. Trátase dunha unidade pioneira creada en 2006, antes da súa inclusión na lei de 2007.