O Goberno español deseñará unha maqueta do 'Vila de Pitanxo' para investigar o naufraxio mentres segue sen baixar ao pecio

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Ministerio de Pesca)
Para as familias, esta medida é "decepcionante".

O Goberno español contratou, cunha partida de perto de 61.000 euros, unha “asistencia técnica” na investigación que realiza a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) sobre o sinistro do pesqueiro galego Vila de Pitanxo.

Esta “asistencia técnica” consistirá na creación dunha recreación do Vila de Pitanxo, a través dunha maqueta do barco afundido no naufraxio que tivo lugar o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova, no Canadá, e que deixou 21 mariñeiros falecidos e tres sobreviventes.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este sexta feira o anuncio da contratación, que foi adxudicada ao Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial Esteban Terradas.

Medida “decepcionante”

A portavoz das familias do Vila de Pitanxo, María José de Pazo, censurou que "é decepcionante" que se vaia optar por unha maqueta “nunha canle de ensaio" con ondada xerada artificialmente para esclarecer as causas do naufraxio. De Pazo asegurou que os familiares están "moi defraudados".

"Por que se fai unha maqueta e non se baixa ao pecio para gravar e concluír tamén o que se di que se vai facer con esta maqueta?", cuestionou, co fin de "coñecer as causas máis claras" do que ocorreu durante o naufraxio.

Por outra parte, a portavoz queixouse de que o pasado 26 de xullo os familiares se reuniran coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, nun encontro no que non lles dixeron "absolutamente nada" desta cuestión. "Preguntámonos por que non se nos informou nesa reunión, por que non se nos informou despois e por que hai tanto escurantismo", criticou.

Aínda que asegurou que "todo o que sexa investigar será aplaudido", lamentou que non se baixe ao pecio. "É o deber do Goberno español informarnos", sostivo María José de Pazo, quen sinalou que, "non só por ética nin humanidade", senón que "legalmente" as familias teñen o dereito a estar informadas.