O goberno español desbota facerse coa propiedade do Centro Galego de Bos Aires

Un aspecto do Centro Galego de Bos Aires

A entidade está en risco de desaparición. Unha iniciativa social demandaba recentemente a intervención da Xunta e do estado español. O Goberno non fará ningunha oferta para se facer coa súa propiedade, indica o executivo en resposta a unha pergunta de Miguel Anxo Fernán Vello (En Marea).

"A pesar de observar a situación do Centro Galego con evidente preocupación, polo momento non se contempla a posibilidade de adquirir esta institución", afirma o Goberno español en resposta a unha pergunta parlamentar de En Marea, segundo informa o partido instrumental por meio dun comunicado de imprensa.

 

Na súa iniciativa parlamentar, Fernán Vello puña en destaque que a sede do Centro Galego en Bos Aires —un edificio de máis de 110 anos— alberga a historia da diáspora galega, alén de ter prestado atención sanitaria á comunidade galega e de manter pendurados das súas paredes lenzos de Seoane, Castelao, Laxeiro, Colmeiro ou Maside.

 

Fernán Vello demandaba do executivo que, en coordenación coa Xunta, salvase o histórico edificio e adoptase medidas para manter as prestacións sanitarias e para garantir a conservación en bon estado dos seu patrimonio cultural.

 

A resposta do Goberno é decepcionante, avalía En Marea. En relación ás prestacións sanitarias, nen sequer contempla o seu mantimento ao afirmar que a comunidade galega pode ser atendida "empregando os instrumentos dos que dispón o estado español en Arxentina". E verbo dos tesouros artísticos custodiados polos muros do edificio da rúa Belgrano, limítase a expresar o seu desexo de que "se preserve o legado", sen comprometer ningunha acción que o garanta.

 

"A resposta do Goberno redúcese a bonitas palabras de recoñecemento, elude calquera compromiso e non explicita posíbeis solucións nin pon sobre a mesa medidas de cooperación para tentar reflotar o Centro Galego de Bos Aires". conclúe o deputado mareante.