O Goberno español defende que o proxecto de Mina Doade xustificou "a súa solvencia técnica, económica e ambiental"

Cartel da plataforma SOS Suído Seixo contra a mina de litio de Doade, en Beariz (O Carballiño). (Foto: SOS Suído Seixo)

Lembra que a competencia sobre a mina de Doade "é exclusiva" da Xunta da Galiza, polo que a súa tramitación e autorización corresponde á Administración galega.

O Goberno español defende que o proxecto de Mina Doade, no municipio de Beariz (comarca do Carballiño), do mesmo modo que os incluídos como estratéxicos pola Comisión Europea, xustificou " a súa solvencia técnica, económica e ambiental".

Nunha resposta por escrito a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, no Congreso, que recolle Europa Press, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico asegura que considera "positivo calquera proxecto que contribúa a incrementar a autonomía estratéxica e reduza a dependencia do exterior tanto a nivel nacional como a nivel europeo".

Ademais, remarca que no proxecto "priman diversos criterios, entre eles os de sustentabilidade, preservación do medioambiente, respecto aos dereitos humanos e minimización e prevención dos impactos sociais".

Neste sentido, apunta que foi a Comisión Europea a que cualificou de estratéxica esta mina pola súa concentración de litio, empregado "na fabricación de baterías en equipos electrónicos e coches eléctricos".

Ademais, lembra que a competencia sobre a mina de Doade "é exclusiva" da Xunta da Galiza, polo que a súa tramitación e autorización corresponde á Administración galega.

Con todo, o Goberno estatal aclara que a categoría de proxecto estratéxico "non implica unha redución dos requisitos ambientais nacionais". "Sen prexuízo da competencia das comunidades autónomas, a protección do medio ambiente está plenamente garantida en España", deixa claro.

Xa a finais de maio, a Comisión Europea reiterou que, tras a avaliación de Mina Doade para a súa consideración como proxecto estratéxico, concluíu que o proxecto "se executaría de maneira sostible", de conformidade co Regulamento de Materias Primas Fundamentais.

A Comisión Europea impulsará o proxecto mineiro de litio en Mina Doade, no concello de Beariz, como un dos 47 estratéxicos de explotación de materias primas críticas como cobalto, litio ou magnesio para o abastecemento destes minerais no continente europeo, dos cales sete deles están no Estado español. Corre a cargo de Recursos Minerais de Galicia (empresa propiedade do aragonesa Grupo Samca).