O Goberno español declara Lugares de Memoria Democrática o Pazo de Meirás e as illas de San Simón e San Antón

O Pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado, en 2020.(Foto: M. Dylan / Europa Press)
Neste contexto, entidades sociais, memorialistas e culturais reclaman que o Pazo de Meirás sexa declarado Lugar de Memoria Democrática con "garantías, legalidade e transparencia e non con meros actos propagandísticos".

O Goberno español publicou esta terza feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) a incoación do expediente para declarar Lugar de Memoria Democrática o Pazo de Meirás, en Sada (comarca da Coruña). Así mesmo, esta cuarta feira publicarase a declaración de Lugar de Memoria das illas de San Simón e San Antón, ambas no interior da ría de Vigo.

Segundo indica o Executivo estatal, ambos os espazos teñen unha singular relevancia histórica e simbólica, que lles fan acredores desta declaración. Así, o Pazo de Meirás, ligado á figura da escritora galega Emilia Pardo Bazán (quen o construíu), foi, entre 1938 e 1975, sede estival da Xefatura do Estado baixo a ditadura franquista.

"Símbolo referencial da ditadura franquista, centro de poder e ao mesmo tempo expresión da rapina do seu novo propietario", segundo recolle o BOE, que engade que que durante o proceso de acondicionamento do pazo ampliáronse os terreos "mediante técnicas represivas e coactivas", que desposuíron a "os lexítimos propietarios" dos predios lindeiros.

Tras un proceso xudicial, un xulgado da Coruña sentenciou que o Pazo era propiedade do Estado, declarando nula e sen efecto a doazón persoal do mesmo a Franco e á súa familia. Dous meses despois cumpriuse a sentenza e, desde o 10 de decembro de 2020, deixou de ser propiedade da familia Franco e pasou a ser patrimonio do Estado.

Con todo, neste contexto, entidades sociais, memorialistas e culturais reclaman que o Pazo de Meirás sexa declarado Lugar de Memoria Democrática con "garantías, legalidade e transparencia e non con meros actos propagandísticos".

Fano tras comunicar o Goberno estatal que esta terza feira, 2 de setembro, anunciaría o inicio do expediente para esta distinción. Así, convocaron unha mobilización en sinal de protesta nesa localización ás 11.15 horas, pouco antes do inicio do acto institucional.

"Non é máis que propaganda, un intento de disfrazar como resolución o que en realidade é só un inicio de procedemento, sen compromisos reais nin garantías para a preservación da memoria", recalcou o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), Carlos Babío.

Illas de San Simón e San Antón

No caso das illas de San Simón e San Antón, foron un espazo utilizado polos sublevados contra a II Republica como penal durante a represión franquista. A partir de outubro de 1936, a illa de San Simón converteuse nunha colonia penal na que os sublevados recluíron presos republicanos chegados nun primeiro momento de toda Galiza, e, posteriormente, doutros lugares da xeografía estatal, especialmente desde Asturias.

Por alí pasaron máis de 5.600 persoas recluídas. Desta maneira, a finais de xaneiro de 1943, apenas dous meses antes de que fose clausurado, ingresou o recluso que facía o número 5.616. "Entre os seus muros téñense contabilizadas máis de 517 mortes, ademais das que se produciron por 'paseos' e fusilamentos", remarca o Goberno estatal.